Miranda destaca en Arxentina o impacto crecente dos apoios da Xunta no país, con máis de 4.000 galegos beneficiarios e un orzamento de máis de 3 millóns de euros
En concreto, as axudas ao retorno en Arxentina acadan en 2025 as súas cifras máis altas, superando os 1,5 millóns de euros entre axudas extraordinarias aos retornados, emprendedores e estudantes BEME.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou hoxe en Bos Aires o impacto crecente dos programas da Xunta en Arxentina, que ao longo de 2025 beneficiaron directamente a máis de 4.000 galegos e galegas residentes no país e mobilizaron un investimento global superior aos 3 millóns de euros.
Segundo explicou, as axudas vinculadas ao retorno acadaron este ano as súas cifras máis altas, con máis de 1,5 millóns de euros destinados ás axudas extraordinarias ao retorno, ao emprendemento e ás bolsas BEME, consolidando Arxentina como un dos principais territorios de procedencia dos galegos e galegas que deciden regresar a Galicia.
Segundo os datos, 191 persoas recibiron este ano axudas extraordinarias ao retorno, cun investimento de 508.200 euros, mantendo a senda de apoio continuado que a Xunta vén reforzando desde 2018.
Así mesmo, 27 emprendedores retornados foron beneficiarios das subvencións ao autoemprego, que mobilizaron 215.000 euros, consolidando Arxentina como un dos países máis dinámicos no emprendemento vinculado á diáspora.
No eido educativo, Miranda destacou o peso das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), cuxo impacto acumulado en Arxentina supera xa os 520 beneficiarios e un investimento total de 4,1 millóns de euros desde 2018, convertendo ao país no primeiro destino mundial en número de bolseiros. Este 2025 son 98 beneficiarios.
O secretario xeral puxo tamén en valor o labor da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, que desde a súa posta en marcha atendeu máis de 2.852 consultas de persoas procedentes de Arxentina, converténdose nun servizo clave para facilitar o regreso e a integración en Galicia.
Miranda subliñou que estes datos “demostran o compromiso firme da Xunta cun país irmán, cunha das maiores colectividades galegas do mundo, e cun retorno que xa é unha realidade de futuro para Galicia”.
Novas relacionadas




