Miranda fai un seguimento da difícil situación que segue a atravesar Venezuela na reunión cos e coas representantes dos centros galegos de Venezuela
Na actualidade, os centros galegos de Venezuela contan con máis de 25.000 persoas asociadas.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reuniuse cos e coas representantes dos centros galegos en Venezuela para analizar a difícil situación que segue a atravesar o país caribeño e que afecta á comunidade galega residente no país. Durante o encontro, Miranda tamén destacou os acordos asinados o pasado ano con diferentes centros galegos de Venezuela, por un valor de 400.000 euros, destinados a atender as súas necesidades de carácter social, mellorar as instalacións, fomentar a cultura ou apoiar os programas da Secretaría.
Durante a reunión de traballo, tratáronse diversos temas de interese, incluíndo a distribución de axudas de emerxencia social e económicas individuais, destinadas a apoiar a significativa colectividade de cidadás e cidadáns galegos residentes no país.
Antonio Rodríguez Miranda subliñou a importancia desta visita para seguir no día a día as necesidades e desafíos que afronta a comunidade galega en Venezuela. “É esencial manter un diálogo aberto e continuo coas entidades galegas no exterior para poder ofrecer o apoio necesario e asegurar que ningunha persoa quede atrás”, declarou Miranda.
Esta reunión reforza o compromiso da Xunta de Galicia en manter unha conexión estreita coas e cos seus cidadáns no exterior, garantindo que as políticas e axudas cheguen de maneira eficaz a quen máis o precisa.
Durante a reunión de traballo matizouse polo miúdo o desenvolvemento dos diferentes programas da Xunta en colaboración coas entidades e a súa orientación axeitada cara ao resto do ano 2024.
Así mesmo valoráronse as distintas actividades de tipo cultural que se están a desenvolver polos centros en toda Venezuela de xeito cotiá.
Na actualidade, os centros galegos de Venezuela contan con máis de 25.000 asocidas e asociados.
Novas relacionadas




