A Xunta de Galicia declara BIC ao mosteiro de San Martiño Pinario, sede do último encontro do Consello de Comunidades Galegas

O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se declara BIC a este edificio, coa categoría de monumento.

O monumento acolleu algúns dos últimos encontros sobranceiros para a galeguidade celebrados en Galicia, como o XII Pleno do Consello de Comunidades Galegas ou o 30º aniversario do programa de Reencontros na Casa. 

Imaxe de arquivo do 30º aniversario de Reencontros na Casa, celebrado neste mosteiro compostelán
Imaxe de arquivo do 30º aniversario de Reencontros na Casa, celebrado neste mosteiro compostelán
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2020.

O Consello da Xunta aprobou hoxe a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento, do mosteiro compostelán de San Martiño Pinario, sede do último encontro do Consello de Comunidades Galegas. 

O monumento foi así escenario de diferentes encontros sobranceiros para a galeguidade celebrados na comunidade autónoma, entre outros, o trinta aniversario do programa de Reencontros na Casa. 

Ademais de protexer o edificio, este expediente permitirá garantir a protección de preto de 200 bens que se atopan no interior do inmoble e que están asociados ás distintas etapas do monumento. Concretamente no decreto inclúense, entre outros, o fondo documental e bibliográfico, os bens relacionados coa Imprenta do Seminario Conciliar Central, incluída a maquinaria dedicada á imprenta, encadernación e librería, a botica, as coleccións que se atopan no mosteiro vinculadas ao patrimonio científico e técnico así como roupa litúrxica dos séculos XVI e XX, entre outras.

Este decreto, ademais de acreditar o valor sobranceiro deste mosteiro, tamén garante a protección dun dos conxuntos máis sobresaíntes de España polo seu valor cultural, histórico e artístico, sendo a segunda construción relixiosa máis grande na súa tipoloxía, só por detrás do Escorial. 

As orixes do Mosteiro de San Martiño Pinario remóntanse aos primeiros anos do século X e están vinculadas ao culto do Apóstolo Santiago, destacando a custodia do Sepulcro entre os seus labores fundamentais. O primeiro elemento arquitectónico edificado no solar de Pinario foi o claustro, cunha comunidade de monxes aínda moi ligada á Igrexa de Santiago da que, paulatinamente se distanciará até chegar a conformar as novas instalacións e unha comunidade diferenciada daquela, para converterse en mosteiro bieito entre 1070 e 1080, baixo o goberno do abade Adulfo.  

A partir do século XII o mosteiro viviu unha época de auxe que o levou a converterse no máis rico e poderoso de Galicia, con rendas en toda a rexión e uns ingresos cuantiosos. Logo dunha fase de decadencia económica nace o mosteiro moderno de San Martiño, xurdindo da suma das tres abadías medievais estreitamente vinculadas ao culto de Santiago: Pinario, Antealtares e San Pedro de Fóra, consolidando deste xeito unha comunidade bieita, grazas ás encomendas dos Reis Católicos para garantir a atención ás e aos peregrinos.  O mosteiro bieito de San Martiño Pinario é un dos centros monásticos máis importantes das comarcas centrais galegas, referente na súa organización social, espiritual, económica, política e cultural ao longo da súa historia, e centro dunha profusa actividade vinculada ao coñecemento que continúa nos nosos días, en especial polo seu labor como Seminario e centro docente.

820 lecturas