Miranda agradece o traballo do coordinador da Federación de Sociedades Galegas de Cuba en Santa Clara, que permite ao Goberno galego achegar os seus programas sociais a esta provincia
O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro co vicecónsul honorario de España na rexión cubana, Augusto de Jesús Blanco Ugarte.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, agradeceu o “enorme compromiso e traballo que realiza a Federación de Sociedades Galegas de Cuba” en todo o país, e particularmente na provincia de Santa Clara. O responsable do departamento autonómico trasladou este recoñecemento ao coordinador, Augusto de Jesús Blanco Ugarte, durante unha reunión que mantiveron na sede de Emigración na capital galega.
O esforzo e a colaboración tanto a da Federación como dos distintos coordinadores e coordinadoras da illa centroamericana permite achegar os variados programas sociais do Goberno galego a diferentes partes do país. Ademais, esta cooperación e estreita relación que manteñen a Administración galega e os galegos e galegas de Cuba tamén fai posible realizar un seguimento constante do desenvolvemento destes programas sociais, sobre todo, o referido ás axudas económicas individuais.
Preto de 43.500 galegas e galegos
Na actualidade residen en Cuba un total de 43.480 cidadás e cidadáns galegos, dos que 11.697 son orixinarios da provincia da Coruña, 14.922 da de Lugo, 13.473 da de Ourense e 3.388 da de Pontevedra, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE) a data 1 de xaneiro de 2019. Sen embargo, e malia ser o terceiro país do mundo con maior presenza de cidadás e cidadáns galegos, unicamente 401 foron nados na comunidade autónoma, mentres que a inmensa maioría das e dos galegos de Cuba foron nados xa no seu país de destino.
Novas relacionadas




