Miranda recibe á cónsul de Cuba para concretar as liñas de colaboración en materia cultural de Galicia coa illa centroamericana nos vindeiros meses

Trátase da primeira reunión do secretario xeral da Emigración con Yahima Martínez Millán desde o nomeamento da representante cubana.

As previsións de cooperación inclúen a celebración dos 500 anos da fundación da cidade da Habana, un dos principais destinos da emigración galega do século XX.

En Cuba un total de 43.480 cidadás e cidadáns galegos, malia que só 401 naceron na Galicia territorial
En Cuba un total de 43.480 cidadás e cidadáns galegos, malia que só 401 naceron na Galicia territorial
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu na sede do departamento galego á cónsul de Cuba, Yahima Martínez Millán, na primeira reunión que manteñen ambos representantes institucionais. A xuntanza, que se enmarca dentro do estreito contacto que manteñen ambos Gobernos, o cubano e o galego, desde hai décadas, serviu para concretar as liñas de colaboración en materia cultural nos vindeiros meses.

Un dos eventos históricos que terá máis relevancia no presente ano, e ao que a Secretaría Xeral da Emigración dedicará máis esforzos é a conmemoración do 500º aniversario da fundación da cidade da Habana. A capital cubana foi un dos destinos principais da emigración galega do século XX, polo que Galicia forma unha parte fundamental da historia da illa centroamericana.

A inmensa maioría, descendentes
Na actualidade residen en Cuba un total de 43.480 cidadás e cidadáns galegos, dos que 11.697 son orixinarios da provincia da Coruña, 14.922 da de Lugo, 13.473 da de Ourense e 3.388 da de Pontevedra, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE) a data 1 de xaneiro de 2019. Sen embargo, e malia ser o terceiro país do mundo con maior presenza de galegas e galegos, unicamente 401 foron nados na comunidade autónoma, mentres que a inmensa maioría das e dos galegos de Cuba foron nados xa no seu país de destino.

178 lecturas