Miranda participa nas celebracións do Día das Letras en Madrid, e visita a diáspora asentada en Fuenlabrada
A colectividade galega na localidade do sur madrileño organiza, canda outras casas rexionais, un encontro aberto á cidadanía para amosar a calidade dos produtos autóctonos realizados polas e os artesáns, representados nesta ocasión pola deseñadora téxtil ourensá Inés Rodríguez.
Por outra parte, a Casa de Galicia da capital acolleu o concerto do cantautor Emilio Rúa e unha conferencia de Armando Requeixo sobre Manuel María como conmemoración da xornada literaria máis destacada no calendario galego.
En Madrid e provincia residen 78.000 galegos e galegas, sendo así a Comunidade Autónoma con maior número de paisanas e paisanos na diáspora.
Miranda con socias e socios da Casa Galega de Fuenlabrada
Miranda con socias e socios da Casa Galega de Fuenlabrada
Miranda no Día das Letras organizado por FAGAMA na Casa de Galicia de Madrid
Miranda no Día das Letras organizado por FAGAMA na Casa de Galicia de Madrid
Miranda no Día das Letras organizado por FAGAMA na Casa de Galicia de Madrid
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, compartiu esta mañá cos galegos e galegas asentados en Fuenlabrada (sur da Comunidade de Madrid) a feira artesanal que, canda os centros rexionais doutras zonas de España, organizou a Casa Galega da localidade, que preside María Jesús Fernández.
Tras saudar aos socios e socias da entidade, Miranda percorreu os stands de Galicia, Castela A Mancha, Andalucía e Estremadura, canda o alcalde da localidade, Manuel Robles, e a concelleira Isabel Barrientos. O secretario xeral da Emigración puido asemade coñecer de primeira man os distintos proxectos que, de cara ao futuro, alberga a directiva da Casa Galega.
No stand galego animou ás e aos artesáns galegos a forneceren o recoñecemento de excelencia internacional, e tivo oportunidade de lembrar que Galicia é a única rexión europea cunha denominación de calidade específica e oficial referida a todo o seu ámbito xeográfico, Artesanía de Galicia.
A representante das artesás e artesáns galegos en Fuenlabrada foi a ourensá Inés Rodríguez, deseñadora téxtil de roupa confeccionada de xeito artesán, con diversas participacións en eventos de proxección internacional no ámbito da moda. A xornada completouse con conferencias das e dos propios produtores e actuacións folclóricas dos grupos das distintas casas rexionais participantes.
Na Casa de Galicia
Despois, o máximo mandatario autonómico en materia de Emigración acudiu ás celebracións organizadas, co gallo do Día das Letras na Casa de Galicia da capital española, pola Federación de Asociacións Galegas en Madrid (FAGAMA), cuxa xunta directiva preside Ovidio Cadenas, da ‘Xuntanza de Galegos en Alcobendas’. Alí estivo tamén presente o propio director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega.
Os eventos comezaron cunha conferencia sobre o protagonista desta edición, Manuel María Fernández Teixeiro, a cargo do investigador do Centro de Investigacións Ramón Piñeiro e crítico literario Armando Requeixo. Despois, tivo lugar un concerto do cantautor galego Emilio Rúa, e concluíu a xornada cunha celebración de confraternidade na Real Hípica de Griñón.
Compoñen a Federación oito entidades: o Centro Galego de Móstoles, o Centro Galego da Serra de Madrid, a Casa Galega de Fuenlabrada, o Centro Galego Noroeste da Provincia de Madrid, a Asociación Galega Corredor do Henares, o Centro Galego de Tres Cantos, Xuntanza de Galegos en Alcobendas, e a estas sete entidades súmase a Asociación de Taxistas Galegos en Madrid.
Máis de 78.000 galegas e galegos
En Madrid e provincia residen arestora, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2016, un total de 78.040 galegas e galegos, sendo por tanto a primeira Comunidade Autónoma española en número de paisanas e paisanos, e iso sen contar as segundas xeracións xa nadas na diáspora, que en moitas ocasións senten con tanta forza como os seus pais e nais e avoas e avós o sentimento de pertenza á Galeguidade. Este feito faise palpable na importante participación da mocidade en moitas das actividades que desenvolven as comunidades galegas asentadas na capital e provincia.
Novas relacionadas



