Rey Varela presenta a campaña de verán "máis ambiciosa e inclusiva" dos últimos anos que porá a disposición das e dos mozos galegos máis de 9.000 prazas cun orzamento superior aos 2,6 M€
As actividades para mozas e mozos descendentes de persoas galegas residentes no exterior medran nun 28% cun total de 230 prazas ao abeiro do programa ‘Conecta con Galicia’ levado a cabo coa Secretaría Xeral da Emigración.
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou hoxe en San Lázaro a Campaña de verán 2016 coincidindo co día que se publican as ordes da convocatoria da programación. Alí asegurou que a través desta iniciativa, a Xunta beneficiará á xuventude “a través da súa participación en múltiples actividades cun compoñente de educación non formal no ámbito do ocio e o tempo libre, á vez que se facilita a conciliación da vida familiar e laboral das familias galegas durante a época estival”. O responsable da área social aseverou que a campaña deste 2016 supón “a máis ambiciosa e inclusiva dos últimos anos” ao ofertar aos mozos e mozas de Galicia un total de 9.046 prazas cun investimento global de 2.645.420 euros, o que supón un incremento do 6% en prazas e do 9% en orzamento respecto ao ano 2015 cando se puxeron a disposición dos rapaces e rapazas un total de 8.530 prazas cun investimento de 2.428.430 euros.
A Campaña de verán de 2016, como indicou o conselleiro estrutúrase en torno a cinco eixes fundamentais que son os campamentos de verán, a oferta concertada, as actividades para maiores de 18 anos, os campos de traballo, así como as actividades para mozos e mozas descendentes de persoas galegas residentes no exterior. Na súa intervención, o conselleiro salientou a importancia da inclusión daqueles menores que se atopan nunha situación de dificultade nesta nova convocatoria. Así lembrou que os mozos e mozas con discapacidade, calquera que sexa o seu grao, “poderán presentar a súa solicitude de participación ben polo procedemento xeral, ou ben a través das prazas reservadas de inclusión, permitindo a súa participación en condicións de igualdade”.
Do mesmo xeito, o conselleiro recordou que as e os menores en situación de tutela ou en garda pola Administración que se atopen en acollemento residencial tamén poderán participar nesta convocatoria ao optar ás 100 prazas das que dispón a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica. Ademais, como novidade, aquelas e aqueles que non acaden praza reservada poderán participar no sorteo xeral en igualdade de condicións cos outros mozos e mozas. En total, a Campaña de verán 2016 contará con 305 prazas reservadas para colectivos como os de discapacidade, menores tutelados e tuteladas ou fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero, un 12% máis que en 2015 cando contaba con 272 prazas. O obxectivo destas medidas, dixo o titular de Política Social, é que “a inclusión social dos mozos e das mozas con dificultades sexa unha realidade ao tempo que se favorece a interacción e a convivencia entre a mocidade”.
Máis prazas en todos os campamentos
Segundo informou o conselleiro na rolda de prensa que tivo lugar en San Lázaro, grazas a nova convocatoria da Campaña de verán e ao incremento do investimento tamén “medran as prazas destinadas aos campamentos de verán, aos campos de traballo, ás actividades para mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior e mantéñense as prazas para as actividades para maiores de 18 anos”.
Os campamentos de verán porán á disposición dos mozos e mozas galegos de entre 9 e 17 anos numerosas actividades de carácter cultural. ambiental, deportivo ou voluntariado. En total serán 6.205 prazas o que supón un incremento do 16,75% respecto a 2015.
Os campos de traballo fomentan a convivencia, a participación e a solidariedade a través de actividades levadas a cabo en distintas comunidades autónomas e outros países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón. A oferta de prazas dos 24 campos situados en Galicia medrará un 21% ata acadar as 588 ás que cómpre sumar as 370 prazas dos campos de traballo que están fóra de Galicia (120 noutras comunidades e 250 no estranxeiro).
As actividades para mozas e mozos descendentes de galegas e galegos residentes no exterior medran nun 28% cun total de 230 prazas ao abeiro do programa ‘Conecta con Galicia’ levado a cabo coa Secretaría Xeral da Emigración e que coas actividades de ‘Cultura e Camiño’ e ‘O mar de Galicia’. Como novidade, este ano resérvanse 50 prazas máis para as e os descendentes de galegos e galegas noutros tres campamentos de verán.
A programación dirixida a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 aos 30 anos, manterase intacta neste 2016 ao continuar ofertando as 240 prazas que xa se puxeron á disposición dos mozos e mozas en 2015.
Como indicou o responsable da área social do goberno autonómico, “a oferta de prazas de campamentos en instalacións propias está a tope do seu rendemento”. “Pero a pesar de ampliar deste xeito as prazas de xestión directa, tampouco descoidamos as de xestión indirecta”, engadiu. A Xunta habilita 900 prazas dentro da oferta concertada con asociacións e entidades xuvenís ou corporacións locais en sete instalacións.
Novas relacionadas





