Máis de 8.200 mozos e mozas galegos participarán na campaña de verán de Xuventude que comeza este luns
Na primeira quenda, que se prolongará ata mediados de xullo, participarán un total de 1.430 mozos e mozas.
As actividades, que este ano chegarán a preto de 100 persoas máis que o anterior, diríxense a persoas entre 9 e 35 anos e divídense en actividades específicas para os distintos grupos de idade.
O departamento autonómico investirá preto de 2,3 millóns de euros na posta en marcha das mesmas, que permitirán a contratación dunhas 900 persoas entre os postos de monitores e directores de tempo libre.

Os campamentos de verán que cada ano organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, comezan este luns en diversos puntos de Galicia. Na primeira quenda, que se prolongará ata mediados de xullo, participarán un total de 1.430 mozos e mozas, se ben ao longo de todo o verán poderán beneficiarse desta iniciativa máis de 8.200 persoas.
Os campamentos inícianse nas seguintes instalacións: Complexo xuvenil As Mariñas (Bergondo); Campamentos de Furelos (Melide), Virxe de Loreto (Porto do Son), A Espiñeira (Boiro), A Devesa (Ribadeo), Os Chacotes (Palas de Rei), Penedos de Xacinto (Entrimo), Pontemaril (Forcarei) e Illa de Ons (Bueu); Albergues Xuvenís de Area (Viveiro), Benigno Quiroga (Portomarín), As Sinas (Vilanova de Arousa) e Equal (Coles). Ademais, mañá mozas e mozos galegos tamén saen de intercambio para o País Vasco e A Rioxa.
As actividades, que este ano chegarán a preto de 100 persoas máis que o anterior, diríxense a persoas entre 9 e 35 anos e divídense en actividades específicas para os distintos grupos de idade. O departamento autonómico investirá preto de 2,3 millóns de euros na posta en marcha das mesmas, que permitirán a contratación dunhas 900 persoas entre os postos de monitores e monitoras e directores e directoras de tempo libre.
Na programación inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de cidadás e cidadáns galegos residentes no exterior.
O obxectivo dos campamentos de verán é que a mocidade empregue o seu tempo libre en actividades de carácter lúdico, cultural e deportivo, ao tempo que coñecen outros territorios e viven novas experiencias, así como favorecen a conciliación da vida laboral, persoal e familiar durante os meses estivais.
Este verán contarase con preto de 7.500 prazas de campamentos, entre as que se encontran prazas para menores con discapacidade, fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero, ou menores baixo tutela, así como a oferta concertada.
Actividades para maiores de 18 anos
As e os maiores de 18 anos e menores de 35 tamén poderán beneficiarse de actividades lúdicas. Serán un total de 393 prazas, na costa e no interior, que perseguen ofertar unha alternativa responsable dentro do ocio e tempo libre. Inclúense actividades deportivas e de coñecemento da cultura da auga galega, como o barranquismo, kaiak, BTT, xeocaching, surf, bodyboard, escalada, kaiak de mar e sendeirismo.
Este ano tamén se leva a cabo o proxecto ‘Conecta Galicia’, un programa rotatorio de convivencia entre participantes galegos e galegas e da Galicia exterior. Ao abeiro desta iniciativa, organizaranse actividades lúdicas e tamén sobre o Camiño de Santiago e o mar galego para descubrir o patrimonio histórico cultural, así como o medio mariño. Os primeiros mozos e mozas procedentes da emigración chegan mañá, 1 de xullo, ao aeroporto de Lavacolla, en Santiago de Compostela.
En total, as mozas e os mozos da Galicia exterior teñen reservadas 180 prazas entre as que se inclúen as deste programa e 20 a maiores en campos de traballo.
Para as e os maiores de 18 anos tamén se poñen en marcha os campos de traballo, cun total de 310 prazas en Galicia. O seu obxectivo é fomentar a convivencia, a participación e a tolerancia a través dunha colaboración desinteresada e voluntaria.
En Galicia organízanse campos de traballo de diferentes temáticas: de conservación e información ambiental nas Illas Cíes; ambiental e etnográfico en Lalín; medioambiental en Vilar de Ordelles e Muíños; de bioconstrución en Vilar de Barrio; de audiovisual en Celanova; e cultural e etnográfico en Ponteceso. Tamén haberá campos arqueolóxicos en Boqueixón e Rois; e de emprendemento en Palas de Rei.
Novas relacionadas



