Emigración convoca novas prazas en campamentos e campos de traballo para a mocidade do exterior

O programa ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e redescubrir a súa terra, a través da convivencia con mozos galegos da mesma idade.

Poderán participar mozos de ascendencia galega entre os 14 e os 30 anos. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 10 de abril.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Secretaría Xeral da Emigración vén de convocar as axudas correspondentes ao programa de actividades de campamentos e campos de traballo para o ano 2010. O programa ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega, o encontro cos seus familiares, así como ofrecerlles a posibilidade de redescubrir a súa terra nai mediante uns días de convivencia con mozos galegos da mesma idade.

Na modalidade de campamentos foron convocadas 336 prazas e poderán participar mozos de idades comprendidas entre os 14 e os 22 anos. Estes desenvolveranse en dúas quendas ao longo do mes de xullo.

Doutra banda, ofertáronse as axudas para acceder aos campos de traballo aos que poderán ter acceso os mozos do exterior con idades entre os 18 e os 30 anos. Nesta modalidade contémplanse un total de 40 prazas, polas que os participantes traballarán en actividades de colaboración desinteresada e voluntaria na procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental do noso contorno e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico.

O prazo de presentación de solicitudes para campamentos e campos de traballo remata o próximo 10 de abril de 2010.

Fomentar a participación da mocidade e redescubrir a súa terra
A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos promover a participación da colectividade galega no exterior na nosa vida cultural e social, o desenvolvemento de actividades culturais, de accións solidarias e tempo libre dirixidas á mocidade do exterior, así como o fomento da participación dos mozos e mozas descendentes de galegos nos programas e servizos a favor da mocidade.

1933 lecturas