Rodríguez Miranda diserta en Lleida sobre a actualidade e perspectivas de futuro de Galicia como terra de oportunidades

O Centro Galego da localidade catalá nomea Presidente de Honra ao responsable da Secretaría Xeral da Emigración. 

  • O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, pronunciou no Centro Galego de Lleida unha conferencia
    O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, pronunciou no Centro Galego de Lleida unha conferencia
  • O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, pronunciou no Centro Galego de Lleida unha conferencia
    O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, pronunciou no Centro Galego de Lleida unha conferencia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, pronunciou no Centro Galego de Lleida unha conferencia sobre Galicia, chea de atractivos: unha comunidade con moito que ver e ofrecer, na que o alto cargo da Xunta repasou os principais fitos nos que Galicia, mesmo en tempos de dificultades económicas importantes, foi quen de despuntar.

Así, o aumento no número de visitantes no Camiño de Santiago e na Comunidade Autónoma en xeral, o crecemento na proxección económica exterior de Galicia, a crecente solvencia da nosa terra no ámbito financeiro e como obxectivo de investimentos estranxeiros, ou a posta en valor da ampla oferta paisaxística, gastronómica e cultural, foron algúns dos eixos da exposición de Miranda.

“Estes avances de Galicia –destacou o secretario xeral- nestes últimos tempos, o mesmo que ao longo da súa Historia, serían imposibles sen a achega decidida e sacrificada das e dos residentes fóra da Comunidade”.

O máximo responsable autonómico en materia de Emigración recibiu ademais o nomeamento de Presidente de Honra do Centro, nun acto que contou coa presenza de boa parte das socias e dos socios da entidade, autoridades locais, e tamén do presidente da Federación de Casas Rexionais de Lleida e vicepresidente da Federación de Casas Rexionais Españolas, Cosme García Mir.

AEGALCAT
A entidade galega da provincia interior catalá foi fundada en 1977, está presidida por José Terceiro, e pertence a AEGALCAT (Asociación de Entidades Galegas de Catalunya). Os promotores e promotoras do proxecto primixenio conseguiron integrar no primeiro núcleo fundacional a importantes personalidades da cidade -incluído o daquela alcalde, de ascendencia galega- e desde entón consolidou a súa relevante presenza social e cultural na localidade. É de destacar o desenvolvemento de atractivas actividades para a mocidade, de maneira que se garante a ligazón das xeracións xa nadas na diáspora coa terra de orixe das e dos seus proxenitores.

1191 lecturas