Un galego é autor da patente máis rendible da ciencia española
O coruñés Luis Blanco acaba de ser recoñecido co premio Severo Ochoa.
Unha minúscula proteína asociada a un virus erixiuse na auténtica mina de ouro da ciencia española. A polimerasa Phi29, que permite multiplicar por miles ou millóns de veces unha pequena mostra de ADN, un proceso esencial para os laboratorios de xenética, investigadores e investigadoras forenses ou para a policía científica, converteuse na patente máis rendible da investigación pública española. A historia é ben coñecida, pero o que xa non o é tanto é que detrás deste achado se esconde como primeiro protagonista un científico galego. Se habitualmente se asociara á bioquímica asturiana do CSIC Margarita Salas, en cuxo laboratorio se identificou a polimerasa, non é menos certo que o principal autor do traballo e primeiro asinante da patente é o galego Luis Blanco Dávila (A Coruña, 1958) profesor de investigación no Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa (CSIC), que é un dos mellores exemplos en España de como a ciencia básica tamén pode ofrecer un rendemento económico. A súa carreira acaba de ser distinguida recentemente co premio Carmen e Severo Ochoa pola súa contribución ao descubrimento de encimas fundamentais para a síntese de material xenético.
A polimerasa Phi 29 foi patentada en 1989, pero non foi ata o 2003, cos achados xurdidos a raíz da secuenciación do xenoma humano, cando empezou a dar diñeiro. Foi licenciada á empresa americana General Electric Healthcare, que achegou algo máis de seis millóns de euros en royalties ata que a propiedade intelectual do CSIC expirou no 2009. A encima prodixiosa foi un gran negocio para a institución pública, pero o mellor quizais estea por chegar coas variantes e modificacións que foron descubrindo dende entón tanto o equipo de Margarita Salas coma o de Luis Blanco. «Queriamos seguir tendo parte do negocio», explica Luis Blanco.
Empresa con Garmendia
Só que agora a estratexia é distinta. Primeiro, a versión mellorada da Phi29 permitiu a concesión dunha patente nova, que se licenciou á empresa X-Pol Biotechs, unha spin-off do CSIC creada por Blanco e polo Grupo Genetrix, da exministra de Ciencia e investigadora Cristina Garmendia, á que logo se sumou Margarita Salas.
Neste camiño foi cando Luis Blanco realizou outro grande achado, a polimerasa humana PrimPol. É outra encima revolucionaria, descuberta no 2013, que permite á Phi 29 iniciar o proceso de amplificación masivo de ADN a partir de pequenas mostras. Ou, o que é o mesmo, de poñer en marcha a fotocopiadora molecular. Este arranque funcionaba con iniciadores que patentaran outras compañías, co que agora as e os investigadores do CSIC están en disposición de ofrecer o kit completo. «A PrimPol inicia o proceso de síntese e a polimerasa Phi29 amplifica o ADN», detalla Blanco Dávila, quen tamén destaca outra aplicación: permite a replicación, o proceso polo cal as células fan a copia do seu xenoma, mesmo cando o ADN está danado.
Estas investigacións dispararon as expectativas de negocio de X-Pol Biotechs, que absorbeu mediante fusión a unha empresa alemá que cotizaba en bolsa. O grupo, agora denominado Sygnis, iniciará este mes a distribución en Europa do seu primeiro produto para a amplificación de ADN, TruePrime, que posibilita a replicación do xenoma completo a partir dunha única célula.
Luis Blanco segue sendo o conselleiro científico da empresa, aínda que xa non é do accionariado principal. Traballa no seu laboratorio do Centro Nacional de Bioloxía Severo Ochoa, porque a investigación é a súa paixón, á espera de que novos descubrimentos xurdidos do coñecemento básico se traduzan en beneficios sociais. «Descubrín -confesa- que con investigación básica tamén se pode xerar diñeiro e devolver algo do esforzo que nos brinda a sociedade».
Fonte e foto: La Voz de Galicia
Novas relacionadas




