A Xunta abre as convocatorias para a contratación de máis de 100 profesionais para tarefas de I+D+i en empresas de investigación, iniciativa que forma parte da Estratexia Galicia Retorna

A Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, ten en marcha as novas edicións dos programas de atracción e retención de traballadoras e traballadores con alta cualificación Principia e Talento Sénior. 

A través deles búscase impulsar o emprego cualificado e de calidade, primando os contratos indefinidos ou de máis longa duración, o salario ou a existencia de plans de formación nas empresas, e a incorporación de mulleres ás actividades de I+D+i.

A sexta convocatoria do Principia, que ten aberto o prazo de solicitude ata o vindeiro 15 de abril, permitirá que empresas e organismos de investigación incorporen 100 mozos e mozas de ata 35 anos de idade, con apoios de ata 10.000 euros por contrato e 1.000 euros para formación.

Talento Sénior, que chega á súa cuarta edición e estará aberta ata o 18 de maio, facilitará a contratación de arredor de 14 profesionais altamente cualificadas e cualificados ou investigadoras e investigadores doutores con máis de cinco anos de experiencia para que desenvolvan a súa carreira profesional en Galicia.

Estes programas contribuíron ata a data á incorporación de 578 profesionais grazas a apoios que suman 10,4 millóns de euros.

Esta inicitiva forma parte da Estratexia Galicia Retorna, para impulsar o retorno dos galegos e galegas do exterior a nosa comunidade autónoma
Esta inicitiva forma parte da Estratexia Galicia Retorna, para impulsar o retorno dos galegos e galegas do exterior a nosa comunidade autónoma
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2021.

A Axencia Galega de Innovación, dependente da  Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, acaba de convocar as dúas novas edicións dos programas Principia e Talento Sénior, dotados con 2,1 millóns de euros no seu conxunto, co obxectivo de continuar a xerar, reter e atraer talento a Galicia. Con estas iniciativas, a Administración autonómica continúa a fomentar o emprego cualificado baixo a premisa de que o capital humano é o factor diferencial máis importante á hora de determinar o desempeño innovador das empresas e entidades. Esta iniciativa forma parte da Estratexia Galicia Retorna, para impulsar o retorno dos galegos e galegas do exterior á nosa comunidade autónoma.

Por unha banda, a sexta edición do programa Principia, dotada cun orzamento de 1.080.000 euros, permitirá que empresas e organismos de investigación contraten persoal técnico, mozo e cualificado, para abordar actuacións de I+D+i, prevendo a incorporación de arredor de 100 mozos e mozas de ata 35 anos de idade. Os apoios serán de 10.000 euros por contrato, que debe ter unha duración mínima dun ano e pode estar formalizado desde o pasado 1 de xaneiro e ata o próximo 1 de novembro. As entidades que o soliciten poderán ademais ser beneficiarias dun bono de formación por un importe de 1000€ por cada traballadora ou traballador incorporado mediante este programa. O prazo de solicitude está aberto ata o vindeiro 15 de abril.

Por outra banda, a través da cuarta convocatoria de Talento Sénior facilitarase a contratación de arredor de 14 profesionais altamente cualificadas e cualificados ou investigadoras e investigadores doutores con máis de cinco anos de experiencia en empresas, organismos de investigación non universitarios públicos e privados e centros tecnolóxicos. O seu obxectivo é a atracción e retorno deste persoal de alta cualificación para que continúe desenvolvendo a súa carreira profesional en Galicia, así como estimular a demanda no sector público e privado deste tipo de perfís para acometer proxectos de I+D+i. Os incentivos á contratación variarán entre un 40% e un 60% en función da retribución bruta, que será dun mínimo de 40.000 euros. Os contratos serán dun período mínimo de tres anos e poderán estar formalizados desde o pasado 1 de xaneiro ata o vindeiro 1 de outubro. O prazo de presentación de solicitudes, neste caso, pecha o 18 de maio.

As anteriores convocatorias destes programas permitiron ata a data a incorporación de 578 profesionais cualificadas e cualificados (542 a través de Principia e 36 mediante Talento Sénior) a actividades de I+D+i nas empresas e centros de coñecemento galegos, grazas a apoios por 10,4 millóns de euros que permitiron mobilizar preto de 19 millóns. 

Emprego de calidade e feminino
Con estas iniciativas búscase impulsar o emprego cualificado e de calidade, por iso prímanse entre os seus criterios de avaliación, os contratos indefinidos ou de máis longa duración, o salario a percibir para a contratación de traballadoras e traballadores ou a existencia de plans de formación nas empresas.

Ademais, perséguese impulsar o emprego feminino e a incorporación das mulleres ás actividades de I+D+i. Para iso, as convocatorias contan con medidas de fomento da participación feminina no eido da ciencia e a innovación, incluíndo nos criterios de adxudicación unha importante reserva de puntos para os perfís femininos. O obxectivo final é contribuír a un sistema de innovación máis igualitario en Galicia.

Estas actuacións compleméntanse con outras liñas que forman parte do Programa Talento 2018-2021, como é o Oportunius, que desde a súa posta en marcha ten axudado a realizar cinco contratos a gañadores ERC; e Ignicia, que permitiu o apoio de máis de 120 postos de traballo; así como os programas de apoio ás etapas predoutorais e posdoutorais.

Con estas iniciativas tense contribuído a incrementar o persoal dedicado a actividades no ámbito da I+D+i en Galicia, e así, segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), esta cifra aumentou na Comunidade nun 18,34% na última lexislatura, seis puntos máis que a media do Estado, chegando aos niveis máis altos de toda a serie histórica con 10.085 persoas en I+D e 6724 investigadoras e investigadores. Ao mesmo tempo séguese a incrementar a incorporación das mulleres ás actividades de I+D+i, representando o 41,20%, por riba da media nacional que é do 40,62%.

840 lecturas