As e os emprendedores retornados que puxeran en marcha unha empresa nos dous últimos anos dispoñen de ata 8.000 euros de axuda
Esta iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración complementa, sen excluílas, as subvencións para emprendedoras y emprendedores doutros departamentos autonómicos e doutras institucións públicas e privadas.
Tanto as persoas galegas que residen no Exterior como aquelas que, residindo xa na Galicia territorial, volveran hai menos de dous anos, poden acollerse ás subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega por parte das persoas retornadas, cuxo prazo de solicitude remata o vindeiro 29 de setembro. Cómpre salientar que, se teñen unha empresa en marcha, e retornaron hai menos de dous anos, teñen tamén dereito a estas axudas.
A finalidade destas axudas é promover esta volta á terra “subvencionando os gastos que leva consigo o seu establecemento como traballadores autónomos ou por conta propia, ou ben como membros traballadoras e traballadores en sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado”.
Esta convocatoria ten dado pulo a 51 empresas desde a súa posta en marcha, e a súa concesión complementa, sen excluílas, as axudas doutros departamentos da Xunta, como a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ou o IGAPE, para autónomos e emprendedores galegos e galegas, residan onde residan. Tamén son perfectamente compatibles coas que convoquen outras institucións e organismos, públicos e privados.
Entre os negocios que se teñen posto en marcha impulsados por estas axudas atópanse unha academia de idiomas, diversas distribuidoras en liña, un obradoiro de restauración, unha clínica dental, unha tenda delicatessen física e en liña, un proxecto de agricultura ecolóxica, unha tenda especializada en té, varias asesorías especializadas, ou un local de restauración con ludoteca para nenas e nenos, entre moitas outras iniciativas.
A contía tope da axuda é de 8.000 euros por iniciativa de emprego ou autoemprego, fondos dos que, segundo destaca o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, “poden ser beneficiarios tanto os galegos que arestora residen no Exterior e están pensando en retornar á terra, como aquelas e aqueles que viñeron hai menos de dous anos e que, ou ben están pensando en montar o negocio, ou ben xa o teñen montado nese tempo. Trátase de potenciar, impulsar e respaldar a iniciativa emprendedora, algo que sempre caracterizou á Galicia da diáspora, pero esta vez no territorio”.
Novas relacionadas