Feijóo: “A nosa política social estaría incompleta se non priorizasemos as necesidades dos emigrantes galegos”

O mandatario galego presidiu na Habana a presentación de dúas publicacións de temática galego-cubana.

A atención dos residentes galegos e galegas en Cuba é o principal asunto a abordar coas e cos membros do Goberno cubano que lle teñen requirido un encontro ao longo da súa estancia na illa.

O presidente da Xunta ve a unión das sociedades galegas na Habana un exemplo xa que xuntar esforzos e obxectivos, permitirá que a voz da diáspora se escoite máis alto.

Subliña as pegadas “indelebles” que os galegos deixaron ao longo da historia en Cuba, pegadas “físicas, materiais e visibles”, pero tamén outras “profundas” e “impalpables” que perduran “no máis fondo do ser e do sentir do pobo cubano”.

Alude ao legado que a illa deixou en Galicia e pon como exemplo o feito de que A Habana acollese a primeira interpretación do Himno galego, en 1907.

  • O presidente da Xunta, acompañado do secretario xeral da Emigración, accede ao Centro Gallego de Cuba
    O presidente da Xunta, acompañado do secretario xeral da Emigración, accede ao Centro Gallego de Cuba
  • O presidente da Xunta saúda ao presidente dunha das entidades galegas na Habana que onte asinaron o seu acordo de unión
    O presidente da Xunta saúda ao presidente dunha das entidades galegas na Habana que onte asinaron o seu acordo de unión
  • Alberto Núñez Feijóo recibe o título de presidente de honra da unión da Federación de Sociedades Galegas
    Alberto Núñez Feijóo recibe o título de presidente de honra da unión da Federación de Sociedades Galegas
Listen to this page using ReadSpeaker
A Habana (Cuba), 6 de decembro de 2013.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que a defensa dos galegos e das galegas que residen no exterior é un dos seus principais compromisos como titular do Goberno autonómico, xa que “a política social de Galicia estaría incompleta se non se priorizasen as necesidades dos emigrantes galegos”.

“Durante moito tempo recibimos as divisas dos emigrantes do mundo e agora a nosa obriga é devolverllas aos emigrantes que nos precisan”, expuxo con motivo da súa viaxe institucional a Cuba, e cifrou en máis de 7.000 as axudas asistenciais que reciben os galegos e galegas residentes nesta illa.

Neste senso, subliñou que a atención das e dos emigrantes galegos é o principal asunto a abordar cos membros do Goberno cubano que lle teñen requirido un encontro ao longo da súa estancia na illa. Porén, transmitiu tamén o interese de Galicia e de España de estar presente neste país ante o novo escenario económico que se ten anunciado. A este respecto, recordou que España xa é o terceiro país de referencia para Cuba no referente ás relacións comerciais, e considerou que existe marxe para escalar posicións no futuro.

Previamente, Feijóo destacou a relación “imperecedoira, frutífera e inmensa” existente entre os pobos galego e cubano, unha unión, afirmou, que transcende “tempos e fronteiras”. Así o asegurou onte, durante o acto de presentación, no Centro Gallego da Habana, de dúas publicacións de temática galego-cubana editadas en 2013: Galicia en Cuba: el asociacionismo gallego en Cuba, do escritor Bruno Javier Machado, e Manuel Fraga, un gallego cubano, Fidel Castro un cubano gallego, de Miguel Ángel Alvelo Céspedes.

Na súa intervención, o mandatario galego explicou que a relación entre Cuba e Galicia é “imperecedoira”, pois hai un “poso común que se formou a un e ao outro lado do océano”. Tamén é “frutífera”, afirmou: foino no pasado –cando miles de galegos e galegas contribuíron a construír e desenvolver este país, ao tempo que colaboraban no progreso e nos avances da súa patria-, e éo no presente, como o demostra a cooperación nos ámbitos comercial, empresarial, social e cultural“ que temos a oportunidade de confirmar nesta viaxe”. E é “inmensa”: a irmandade entre as persoas de Galicia e Cuba naceu desde o mesmo momento en que “compartimos patria”, mantívose “máis alá de épocas e distancias” e “seguirá viva e intacta” no presente e no futuro porque, sinalou Feijóo, “ambos os pobos temos a vontade de seguir cultivándoa e enriquecéndoa”.

O presidente da Xunta referiuse ás pegadas “indelebles” que os galegos e as galegas foron deixando ao logo da historia en Cuba. Pegadas “físicas, materiais e visibles”, pero tamén outras máis “profundas” e “impalpables”, que son, dixo, “as que perduran no máis fondo do ser e do sentir do pobo cubano”.

Do mesmo xeito, e nese exercicio de retroalimentación que sempre existe entre pobos irmáns, Feijóo aludiu ao legado que Cuba deixou en Galicia. Puxo como exemplo o feito de que a primeira interpretación do Himno de Galicia tivese lugar na Habana en 1907.

Obras de temática galego-cubana
Respecto ás obras presentadas, Galicia en Cuba: el asociacionismo gallego en Cuba, de Bruno Javier Machado, e Manuel Fraga un gallego cubano, Fidel Castro un cubano gallego, de Miguel Ángel Alvelo Céspedes, o titular da Xunta salientou que ambas inciden “con intensidade” nos nexos entre galegos e cubanos, e poñen de manifesto que as manifestacións artísticas, en xeral, e a literatura, en particular, “son o mellor medio de entendemento e coñecemento entre pobos”.

A obra de Bruno Javier Machado relata como as e os emigrantes galegos foron tecendo unha tupida rede ao longo dos anos, que lle permitiu ir configurando unha identidade propia e facerse visibles ante os demais grupos da illa. “Bruno Javier Machado nárranos na súa obra as orixes dos prolíficos procesos asociativos e culturais entre os galegos emigrados en Cuba”, resaltou Feijóo, lembrando que a necesidade de sentirse “un pouco máis coma na casa” está no xerme da creación destas agrupacións, que pronto foron proliferando e evolucionando ata converterse “nese berce no exterior desde o cal se contribuíu a forxar a construción da nosa Galicia máis universal”.

En canto á segunda das obras, Feijóo sinalou que o escritor Miguel Ángel Alvelo Céspedes incide, “desde unha perspectiva máis íntima e persoal, nos estreitos vínculos existentes entre as nosas patrias”. O autor debulla a relación de Manuel Fraga con Cuba, unha terra pola que sentía un profundo sentimento de afecto que forxou sendo neno e que mantivo constante ao longo da súa vida. Algo que, como lembrou Feijóo, o levaría a visitar a illa ata en dúas ocasións sendo presidente da Xunta. “Ao aproximarse a ese sentir cubano de Manuel é fácil ver como os íntimos lazos que unen Galicia e Cuba poden estar por enriba de lexítimas diferenzas e ideoloxías”.

O presidente da Xunta lembrou, ademais, que Manuel Fraga sempre avogou por que as relacións entre Cuba e Galicia fosen asumidas como “relacións de familia”. “Creo que esta consideración é un bo legado e un bo consello que debemos potenciar e aproveitar”, afirmou Feijóo, indicando que as relacións entre as e os cubanos e as e os galegos “non se verán quebrantadas, sexa cal sexa o prisma co que nos miremos desde un e outro lado do océano. Sei que así o sentimos e o entendemos ambos os pobos”, concluíu.

A presentación destas dúas publicacións de temática galego-cubana pecharon a primeira xornada da visita institucional que o presidente da Xunta está a desenvolver en Cuba. Nela, tamén tivo lugar a firma de unión de 38 sociedades galegas na Habana, un feito que Feijóo cualificou de “transcendental” e “exemplar para outras sociedades galegas na diáspora.

“Que as entidades de emigrantes galegos funcionen de forma coordinada, xuntando esforzos e obxectivos, permitirá que a voz da diáspora se escoite máis alto”, dixo, convencido de que sociedades máis fortes e unidas poderán canalizar con maior eficacia as necesidades e as conseguintes axudas ás e aos emigrantes.

912 lecturas