Turismo promociona Galicia entre a pasaxe do Buquebús que fai a ruta entre Bos Aires e Montevideo
Este servizo de transporte entre Arxentina e Uruguai moveu en 2011 máis de cinco millóns de viaxeiros e viaxeiras.
A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, iniciou recentemente unha campaña de publicidade para a promoción turística da comunidade galega en Arxentina e en Uruguai.
Esta campaña desenvolverase na flota de barcos da compañía Buquebús que fai a ruta entre Bos Aires e Montevideo e Bos Aires e Colonia (Uruguai) coa emisión de audiovisuais alusivos aos valores turísticos de Galicia.
Buquebús moveu durante o ano 2011 un tráfico de 5.210.000 viaxeiros e viaxeiras nas súas rutas fluviais dos que o 54% foron de nacionalidade arxentina, o 25% foron uruguaia e o resto, persoas estranxeiras, sobre todo brasileiras e estadounidenses.
Comunicación turística
A acción promocional do Turismo de Galicia consiste na emisión dun spot sobre Galicia cunha duración de 30 segundos cada hora, nun total de 110 plasmas, cunha frecuencia dunha vez por hora.
Esta acción levarase a cabo ao longo de catro meses en todos os barcos que fan as rutas Bos Aires-Montevideo, ida e volta, e Bos Aires-Colonia, tamén ida e volta. Ademais, emitiranse os spots nas pantallas que están instaladas na terminal de Buquebús de Bos Aires.
Con esta iniciativa, quérese incidir na difusión de Galicia como destino turístico nos mercados arxentino e uruguaio que o ano pasado, co 9 por cento dos turistas, só o arxentino ocupou o terceiro lugar das persoas estranxeiras que más visitaron a Comunidade galega, logo das portuguesas e as alemás. Ademais, Galicia sitúase tamén nun lugar preferente dentro dos arxentinos e as arxentinas que visitan España, xa que, segundo datos da Oficina de Turismo de España en Bos Aires, as e os turistas arxentinos teñen á Comunidade galega como cuarto destino español preferido, logo da Comunidade de Madrid, Cataluña e Andalucía.
Novas relacionadas




