A Xunta difundirá a oferta turística galega na Arxentina a través da promoción 'Galicia, quinta provincia'

Cursos de formación, conferencias, xuntanzas de traballo, degustacións gastronómicas e actuacións musicais servirán de escaparate para promocionar Galicia nas cidades de Bos Aires e Córdoba ao longo da vindeira semana.

Arxentina, co 9% das e dos turistas estranxeiros é o terceiro mercado emisor exterior máis importante para Galicia, logo de Portugal e Alemaña.

Para as e os turistas arxentinos que visitan España, a Comunidade galega é o cuarto destino preferido, logo da Comunidade de Madrid, Cataluña e Andalucía.

A Xunta difundirá a oferta turística galega na Arxentina a través da promoción 'Galicia, quinta provincia'
A Xunta difundirá a oferta turística galega na Arxentina a través da promoción 'Galicia, quinta provincia'
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2012.

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, desenvolverá ao longo da vindeira semana unha xira para a promoción da oferta turística de Galicia na Arxentina que, baixo a denominación de Galicia, quinta provincia, difundirá os valores turísticos galegos entre os principais provedores de viaxes, operadores, axentes turísticos e institucións relacionadas co Turismo das cidades de Bos Aires e Córdoba.

Dentro do programa de Galicia, quinta provincia, desenvolveranse cursos de formación, conferencias, xuntanzas de traballo, degustacións gastronómicas e actuacións musicais que servirán de escaparate para promocionar o turismo da Comunidade galega na Arxentina entre os días 30 de outubro e 2 de novembro.

Con esta iniciativa, quérese incidir na difusión de Galicia como destino turístico no mercado arxentino que o ano pasado, co 9 por cento dos turistas, ocupou o terceiro lugar das e dos estranxeiros que más visitaron a Comunidade galega, logo dos portugueses e os alemáns. Ademais, Galicia sitúase tamén nun lugar preferente dentro dos arxentinos e arxentinas que visitan España, xa que, segundo datos da Oficina de Turismo de España en Bos Aires, as e os turistas arxentinos teñen á Comunidade galega como cuarto destino español preferido, logo da Comunidade de Madrid, Cataluña e Andalucía.

Programa en Bos Aires
A xira de promoción turística de Galicia pola Arxentina, encabezada pola directora-xerente de Turgalicia, Carmen Pita, comezará o día 30 de outubro en Bos Aires. Ese día, na sede da Oficina de Turismo de España en Bos Aires, representantes de Turgalicia impartirán un curso de formación para 40 axentes de viaxes da capital arxentina e da súa contorna. Trátase de operadores turísticos seleccionados polo seu interese polo destino España.

Ese mesmo día, entre as 12:30 e as 13:30 horas, representantes de Turgalicia impartirán unha conferencia retransmitida por vídeo ás 37 sucursais da operadora turística Interturis, a través da que as e os axentes turísticos desta maiorista poderán formase sobre as características do destino turístico Galicia.

Esta actividade realizarase desde a sede da Obra Social de Executivos (OSDE), unha entidade que conta con máis de 1.700.000 persoas afiliadas de clase media-alta e cuxa operadora turística exclusiva e Interturis.

Logo desta videoconferencia, na mesma sede da Fundación OSDE, Turgalicia ofrecerá un cóctel no que participarán un cento de clientes da operadora turística Interturis, seleccionados e seleccionadas pola súa capacidade comercial, no que participarán a directora-xerente de Turgalicia, o director da Oficina de Turismo de España en Bos Aires e o xerente de Interturis.

Neste evento, haberá unha degustación gastronómica dirixida polo chef galego Iñaqui Bretal, presentarase o vídeo de promoción Pensando en volver a ti, distribuirase material de promoción entre os e as participantes e sortearanse dúas viaxes entre Bos Aires e Vigo, ida e volta, con tres noites de aloxamento nun hotel de catro estrelas. Neste acto, está prevista ademais a actuación do músico galego Xosé Manuel Budiño.

O día 31 de outubro, dentro do programa Galicia, quinta provincia, o persoal técnico de Turgalicia presentaranlle a oferta turística galega e as súas posibilidades para se comercializar desde a Arxentina aos principais directivos e directivas do banco BBVA no país austral e ás e aos representantes do operador turístico da entidade, Lloyd.

Córdoba
Xa o día 1 de novembro, as e os responsables da promoción turística de Galicia trasladaranse á cidade arxentina de Córdoba. Alí, ese mesmo día, participarán nunha recepción ofrecida polo Goberno desta provincia e na que estarán presentes o presidente da Axencia Córdoba Turismo, o cónsul de España nesta cidade, o delegado da Cámara Española de Comercio, o secretario de Cultura da cidade de Córdoba e outras autoridades turísticas da provincia e a cidade de Córdoba.

Pola tarde, ese mesmo día, Turgalicia organizará unha presentación de Galicia en colaboración coa Cámara Española de Comercio en Córdoba no Cabido histórico da cidade.

Nesta presentación está previsto que participen arredor de 120 axentes de viaxes da provincia que poderán coñecer de preto a oferta turística de Galicia, así como unha mostra da súa gastronomía e a súa cultura, co cóctel coordinado polo chef galego Iñaqui Bretal, e a actuación de Xosé Manuel Budiño.

Xa, por ultimo, o día 2 de novembro, o Cabido histórico da cidade arxentina de Córdoba acollerá a actuación pública e gratuíta do grupo do gaiteiro Xosé Manuel Budiño. Antes deste concerto, emitiranse varios audiovisuais de promoción do Turismo de Galicia destinados ao gran público cordobés.

937 lecturas