Máis de 160 axentes de viaxes e 35 operadores turísticos arxentinos coñeceron esta semana a oferta turística galega a través da promoción ‘Galicia, quinta provincia’

As cidades de Bos Aires e Córdoba concentraron os diversos actos promocionais da Xunta neste país que aporta a Galicia o 9% das e dos turistas estranxeiros, sendo o terceiro mercado emisor exterior máis importante para a nosa comunidade, logo de Portugal e Alemaña.

Unha das actuacións incluíu unha conexión con 35 sucursais da operadora turística Interturis. En Córdoba as actuacións dirixíronse a máis de 120 axentes de viaxes da provincia arxentina.

A directora-xerente de Turgalicia, Carmen Pita, durante a súa intervención
A directora-xerente de Turgalicia, Carmen Pita, durante a súa intervención
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2012.

A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, da Secretaría Xeral para o Turismo, desenvolveu ao longo desta semana unha xira para a promoción da oferta turística de Galicia na Arxentina que, baixo a denominación de Galicia, quinta provincia, difundiu os valores turísticos galegos entre os principais provedores de viaxes, operadores, axentes turísticos e institucións relacionadas co Turismo das cidades de Bos Aires e Córdoba.

Dentro do programa de Galicia, quinta provincia, desenvolveronse cursos de formación, conferencias, xuntanzas de traballo, degustacións gastronómicas e actuacións musicais que serviron de escaparate para promocionar o turismo da Comunidade galega na Arxentina entre os días 30 de outubro e 2 de novembro.

Con esta iniciativa, perseguiuse incidir na difusión de Galicia como destino turístico no mercado arxentino que o ano pasado, co 9 por cento do turismo, ocupou o terceiro lugar das e dos estranxeiros que más visitaron a Comunidade galega, logo dos procedentes de Portugal e Alemaña. Ademais, Galicia sitúase tamén nun lugar preferente dentro dos arxentinos e arxentinas que visitan España, xa que, segundo datos da Oficina de Turismo de España en Bos Aires, as e os turistas arxentinos teñen á Comunidade galega como cuarto destino español preferido, logo da Comunidade de Madrid, Cataluña e Andalucía.

Programa en Bos Aires
A xira de promoción turística de Galicia pola Arxentina, encabezada pola directora-xerente de Turgalicia, Carmen Pita, comezou en Bos Aires. Na sede da Oficina de Turismo de España en Bos Aires, representantes de Turgalicia impartiron un curso de formación para 43 axentes de viaxes da capital arxentina e da súa contorna. Trátase de operadores turísticos seleccionados polo seu interese polo destino España.

Tamén na cidade bonaerense, representantes de Turgalicia impartiron unha conferencia retransmitida por vídeo ás 35 sucursais da operadora turística Interturis, a través da que os axentes turísticos desta maiorista puideron formarse sobre as características do destino turístico Galicia.

Esta actividade realizouse desde a sede da Obra Social de Executivos (OSDE), unha entidade que conta con máis de 1.700.000 perosas afiliadas de clase media-alta e cuxa operadora turística exclusiva e Interturis. Logo desta videoconferencia, na mesma sede da Fundación OSDE, Turgalicia ofreceu un cóctel no que participaron 90 clientes da operadora turística Interturis, seleccionados pola súa capacidade comercial, que estiveron acompañados pola directora-xerente de Turgalicia, o director da Oficina de Turismo de España en Bos Aires e o xerente de Interturis.

Neste evento, puideron asistir a unha degustación gastronómica dirixida polo chef galego Iñaqui Bretal, presentouse o vídeo de promoción Pensando en volver a ti, distribuíuse material de promoción entre as persoas participantes e sortearonse dúas viaxes entre Bos Aires e Vigo, ida e volta, con tres noites de aloxamento nun hotel de catro estrelas. O acto pechouse coa actuación do músico galego Xosé Manuel Budiño.

O día 31 de outubro, dentro do programa Galicia, quinta provincia, o persoal técnico de Turgalicia presentoulle a oferta turística galega e as súas posibilidades para se comercializar desde a Arxentina ás e aos principais directivos do banco BBVA no país austral e as persoas representantes do operador turístico da entidade, Lloyd.

Córdoba
Xa o día 1 de novembro, as e os responsables da promoción turística de Galicia trasladaoanse á cidade arxentina de Córdoba. Alí, ese mesmo día, participaron nunha recepción ofrecida polo Goberno desta provincia e na que estiveron presentes o presidente da Axencia Córdoba Turismo, o cónsul de España nesta cidade, o delegado da Cámara Española de Comercio, o secretario de Cultura da cidade de Córdoba e outras autoridades turísticas da provincia e a cidade de Córdoba. Pola tarde, Turgalicia organizou unha presentación de Galicia en colaboración coa Cámara Española de Comercio en Córdoba no Cabido histórico da cidade.

Nesta presentación está participaron arredor de 120 axentes de viaxes da provincia que tiveron ocasión de coñecer de preto a oferta turística de Galicia, así como unha mostra da súa gastronomía e a súa cultura. Xa, por ultimo, hoxe mesmo o Cabido histórico da cidade arxentina de Córdoba acolleu a actuación pública e gratuíta do grupo do gaiteiro Xosé Manuel Budiño. Antes deste concerto, emitironse varios audiovisuais de promoción do Turismo de Galicia destinados ao gran público cordobés.

1059 lecturas