A emigración galega dispara a dar en Melide

Os gañadores, de Ourense e Melide, residen en Biscaia e en Santander.

Listen to this page using ReadSpeaker

Dous participantes practican a puntaría minutos antes de comezar a competición. Foto: Noguerol.Como se afina a puntaría para disparar, a unha distancia duns 10 metros, contra unha diana minúscula cun tirapedras que ten por munición unha bóla?. «Apuntando cara ao lado esquerdo dá forquita. É collerlle ou punto». Cóntao Paco Montanos, que o pasado venres en Melide se resarciu de quedar o ano pasado coas ganas de subirse ao podio do Campionato de Tirapedras da Galiza Central. Paco, emigrante ourensano na localidade biscaíña de Etxebarri, quedara de cuarto «empatado con outros», pero este pasado venres proclamouse primeiro vencedor da proba, que, por sexto ano consecutivo, organizou a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional coincidindo coas festas en honor a San Roque que se celebran na localidade.

Xunto a Paco, outros 35 tiradores e tiradoras -na súa inmensa maioría homes- participaron na competición, na que o melidense Guillermo Gómez Lareo, gañador na primeira edición, fíxose co segundo posto, e Antonio Rúa, paisano emigrado en Barakaldo, quedou co terceiro. O ouro de Paco Montanos non é o único do Campionato de Tirapedras -que así se chama en Melide ao dispositivo de madeira con forma de "Y" e gomas ensambladas- que se vai para a comunidade galega no norte peninsular, un dos principais destinos, en especial o País Vasco, da emigración melidense.

E de Santander regresou, como cada ano a pasar as vacacións coa familia no seu municipio natal, Pablo Varela, que chancea cando di que «o que falla é a puntaría porque tirar tira calquera». Non ao seu fillo Iván, con bo ollo porque, malia ser a primeira vez que participaba na competición, se alzou como gañador na categoría para pequenos e pequenas de 8 a 14 anos. Conta o rapaz que con adestrar unha hora ao día nas xornadas previas é suficiente, iso si, «apuntando dende máis lonxe do que temos que lanzar aquí». A uns 5 metros de distancia dispararon a bóla de vidro os dez participantes na categoría infantil do campionato de tirapedras, do que tamén se levou trofeo pola segunda mellor puntuación Oier Pereiro, e Pablo Varela, que conseguiu o terceiro posto.

 

Fonte: La Voz de Galicia | Foto: La Voz de Galicia

790 lecturas