Romay Beccaría, Camba e Ónega avalan a presentación da biografía do ex presidente venezolano Luis Herrera Campíns

Asinada por Ramón Guillermo Aveledo, responsable da Mesa de la Unidad de Venezuela.

Listen to this page using ReadSpeaker
11 de maio de 2012.

O secretario xeral de Emigración e o xefe da Casa de Galicia na presentación do libro de Ramón Guillermo Aveledo. O presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, o secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba Bouzas, e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, acompañaron onte ao político, profesor, escritor, de ascendencia galega e secretario executivo da Mesa de la Unidad Democrática de Venezuela Ramón Guillermo Aveledo na presentación do seu libro "El llanero solidario. Verdades ignoradas sobre Luis Herrera Campíns y su tiempo", dedicado á vida e obra de quen foi presidente de Venezuela.

O acto, presidido por Romay Beccaría, celebrouse na Casa de Galicia-Delegación da Xunta de Galicia en Madrid e encheu de público a instalación, a pesar da celebración deportiva que tiña lugar a poucos metros da Casa, en Neptuno. Entre os asistentes estaban un fillo do presidente biografiado, Luis Fernando Herrera Urdaneta, os senadores Iñaki Anasagasti (PNV) e Dionisio García Carnero (PP), o avogado internacionalista González Dellán, que acompañou ao autor do libro, e persoal directivo das principais organizacións galegas en Madrid.

O libro repasa a vida do que foi presidente de Venezuela entre 1979 e 1984 e o medio século que viviu en Venezuela. O autor, político, escritor e profesor universitario, coñeceuno moi de preto pois foi o seu secretario privado durante máis de catro anos, nos anos da súa presidencia. Preso e expulsado de Venezuela pola ditadura de Pérez Jiménez en 1952, Herrera Campíns culminou os seus estudos de Dereito en Santiago de Compostela e viviu exiliado en Roma, Londres e Múnic. Ao seu regreso a Venezuela, unha vez caído o réxime militar, foi deputado, senador e electo presidente da República en 1978. Herrera foi, entre outras cousas, secretario xeral da Organización Demócrata Cristiá de América e da Internacional Demócrata Cristiá.

Figura emblemática
Romay referiuse a Ferreira Campíns como unha figura emblemática da política venezolana que transcende ás fronteiras dese país a quen dixo que el estaba "a tratar de honrar esta tarde". Afirmou que Campíns loitou por unha Venezuela democrática, pola que tamén está a loitar Aveledo a quen trasladou "todo o estímulo que se poida" e sinalou que o autor do coñece ben o seu país, "vive intensamente a súa realidade política", e tamén á figura biografiada.

O presidente do Consello de Estado recordou que coñeceu a Herrera Campíns en Santiago de Compostela onde, xunto con José Luis Zapata, estivo a cursar as materias que lles faltaban para completar as súas licenciaturas de Dereito e afirmou que o ex presidente venezolano viviu e morreu austeramente.

Santiago Camba corroborou as palabras de benvida de José Ramón Ónega, que afirmara que "os galegos habitamos en todos os continentes", para subliñar que "Galicia e Venezuela teñen dende hai moitos anos lazos en común". O secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia recordou que nestes momentos hai en Venezuela unha "importante colectividade" española que "está a loitar denodadamente en moitos sentidos". Tamén afirmou que Herrera Campíns deixou unha pegada importante en Venezuela e agradeceu ao autor "a xenerosidade que ten", que o levou a sacrificar a posibilidade de presentarse ás primarias para a Presidencia de Venezuela para responsabilizarse da Mesa de la Unidad.

Relación con España
Aveledo, que se desprazou dende Venezuela para o acto, dedicou a súa intervención a contar a grandes trazos a especial relación de Luis Herrera Campíns con España. "Non se pode presumir de falar ben a lingua española mentres non poida ler a Quevedo sen dicionario, iso pensaba e dicía Luis Herrera Campíns. España, a súa historia, os seus pobos, a súa cultura diversa e rica, tiveron unha presenza potente na vida e a formación de quen foi loitador político, xornalista, parlamentario e presidente de Venezuela", explicou.

Recordou que Herrera foi apresado na folga universitaria de 1952 en Caracas e expulsado do país cando comezaba o quinto ano de Dereito, polo que veu a España e se licenciou en Santiago de Compostela. Aquí fundou Tiela, xornal das e dos desterrados venezolanos en Europa que entraba clandestinamente en Venezuela. Tamén a súa primeira formación na súa aldea natal, na provincia de Palencia, a súa entrada na Universidade Central, en Caracas, e a influencia que sobre el tiveron os españois mestres da congregación dos Irmáns de La salle e o xesuíta vasco Manuel Aguirre Elorriaga, fundador do Círculo Obreiro de Caracas, de sindicatos, da Escola de Servizo Social e do Instituto Nacional de Estudos Sociais.

"Por España sempre tivo Herrera afecto especial e afinidade. A súa presidencia coincidiu coa transición española e a xefatura do goberno de Adolfo Suárez, con quen trabou unha moi boa relación persoal. Como Presidente da República recibiu tamén o president da Generalitat Jordi Pujol e ao futuro lehendakari Carlos Garaicoechea", engadiu.

920 lecturas