Feijóo anuncia que o próximo Consello declarará a obra de Castelao Ben de Interese Cultural e recoñece as achegas das e dos creadores contemporáneos para dar continuidade ao legado das e dos devanceiros

O titular da Xunta presidiu o acto de entrega dos Premios da Cultura Galega.

Subliña que será a primeira vez que se outorga a máxima protección ao conxunto da obra dun autor, e destaca que blinda a conservación e a investigación do legado do escritor de Rianxo e garante o seu mantemento e difusión cara ás xeracións vindeiras.

“Galicia segue sentíndose orgullosa dos seus devanceiros e proponse continuar aprendendo deles”, salienta.

Asegura que os Premios da Cultura Galega demostran que a afirmación de que Galicia é un pobo que ten deixado pegadas duradeiras en todas as épocas “pode prolongarse ata a o tempo presente”.

Valora a fortuna dos galegos e das galegas de poder contar con homes e mulleres da cultura que poden ser compartidos por todos e todas e reivindicados e reivindicadas cordialmente dentro e fora das nosas fronteiras.

Listen to this page using ReadSpeaker

Os premiados e premiadas durante o acto de entrega dos Premios da Cultura GalegaO presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou o pasado xoves, na entrega dos Premios da Cultura Galega, que o próximo Consello da Xunta aprobará a declaración da obra de Castelao como Ben de Interese Cultural, e recoñeceu as achegas das creadoras e dos creadores contemporáneos, entre eles as e os galardoados, para dar continuidade ao legado das nosas e dos nosos devanceiros.

O titular da Xunta asegurou que a declaración da obra de Castelao como BIC será relevante por diferentes motivos, entre eles que é a primeira vez que se outorga a máxima protección ao conxunto da obra dun autor. Tamén destacou que vai blindar a conservación e a investigación do legado dunha das figuras más sobranceiras do noso patrimonio; e que garantirá o seu mantemento e a súa difusión para as xeracións vindeiras.

“Pero é relevante, sobre todo, porque significa que Galicia segue sentíndose orgullosa dos seus devanceiros e proponse continuar aprendendo deles”, continuou o presidente galego. “Lonxe daqueles tempos escuros, os galegos de hoxe non precisamos que ninguén nos recorde que somos herdeiros dunha riqueza singular”, engadiu.

A coral do audiovisual, as artes plásticas e escénicas, a música e as letras de hoxe
Feijóo asegurou que o acto de entrega dos Premios da Cultura Galega completa a decisión de declarar como BIC a obra de Castelao. “Por sorte, este acto demóstranos que a afirmación de que Galicia é un pobo que ten deixado pegadas duradeiras en todas as épocas pode prolongarse ata a o tempo presente”, salientou.

Neste sentido, o presidente galego destacou que, a diferenza das xeracións pasadas que tiveron dificultades para acceder aos referentes culturais, “nós podemos apoiarnos nos ecos galegos ilustres doutros tempos, pero tamén na coral que conforman o audiovisual, as artes plásticas e escénicas, a música e as letras de hoxe”.

Os premiados e as premiadas, un antídoto contra a desesperanza
O presidente galego recoñeceu, no transcurso da súa intervención, a traxectoria das e dos premiados e asegurou que cada un deles é un “antídoto contra a desesperanza”. Núñez Feijóo dixo que as profesións e as vivencias de cada un dos galardoados e das galardoadas son distintas pero que hai, entre eles, un nexo de unión que convén “recoñecer e imitar: ningún destes galegos claudicou e todos dan cumprida continuidade á labor dos nosos devanceiros. A súa principal virtude é a creatividade, a capacidade para buscar e atopar novos camiños”.

O presidente da Xunta valorou a fortuna dos galegos e das galegas de poder contar con homes e mulleres da cultura que poden ser compartidos por todos, e reivindicados cordialmente dentro e fora das nosas fronteiras. “Porque malia que hai pobos que permanecen illados dos demais, malia que hai pobos que propugnan un modelo que destaca unhas poucas culturas do mundo e relega ao resto a un papel secundario, nós nunca nos sentimos cómodos en ningunha destas teorías”, asegurou. “Pensamos que a mellor expresión dun pobo é a daquel que se relaciona con outros sen perder nin un ápice da súa singularidade”, engadiu.

Núñez Feijóo afirmou, por último, que a cultura galega non se detén nin no tempo nin no espazo e asegurou que isto se reflicte na Freixa, a escultura coa que se recoñece ás e aos premiados. “Ese é o chamamento de Francisco Leiro a través da Freixa que deseñou para estes premios e esa é a miña sensación tras ver e escoitar aos nosos premiados de hoxe: Galicia é máis grande con vós”, concluíu.

1114 lecturas