Xunta e Goberno chileno reforzarán a súa colaboración en materia pesqueira

O Conselleiro de Presidencia e o Secretario Xeral da Emigración mantiveron onte un encontro co subsecretario de Pesca chileno.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o Secretario Xeral da Emigración, Santiago Camba, mantiveron onte un encontro co subsecretario de Pesca do Goberno chileno, Pablo Galilea, no que destacaron a necesidade de potenciar a colaboración entre Galicia e Chile en materia pesqueira e apostaron por afondar no acordo de cooperación asinado entre ambas rexións no ano 2005.

O titular de Presidencia do Goberno galego puxo de manifesto a importancia das empresas galegas do sector pesqueiro en Chile e concordou co subsecretario de Pesca do país suramericano na conveniencia de darlle un novo pulo ao memorando de entendemento entre o Goberno chileno e o galego que foi asinado hai xa seis anos.

O Subsecretario de Pesca do Goberno chileno, número dous do seu ministerio, aceptou a invitación da delegación da Xunta para visitar Galicia e poder comprobar de primeira man o saber facer das compañías galegas da pesca, a conserva e o marisqueo e as políticas postas en marcha pola Administración galega á hora de regular o sector e impulsalo.

Pablo Galilea amosouse especialmente interesado en cuestións como o cultivo e a reprodución das especies pesqueiras, una das preocupacións que precisamente lle trasladaron os representantes dalgunhas das principais compañías de capital galego que se atopan en Chile, como son Pescanova, Jealsa e Pescamar, que acompañaron ao conselleiro e ao secretario xeral na reunión co subsecretario.

Actualmente, unha ducia de empresas con capital galego traballan na zona do sur de Chile, especialmente en Puerto Montt, Chiloé e Punta Arenas, adicadas principalmente ao sector da pesca e da conserva. Ao longo da súa visita ao país austral, o Conselleiro de Presidencia e o Secretario Xeral da Emigración tiveron oportunidade de visitar unha das plantas de Jealsa e un buque de Pescachile, a filial de Pescanova, así como de manter reunións de traballo con membros das principais compañías con capital galego na zona.

1302 lecturas