Miranda destaca en Radio Voz a vantaxe competitiva que poden aportar ás empresas galegas os bolseiros e bolseiras BEME

O secretario xeral da Emigración participou esta mañá no programa “Un café con Eva” no que destacou o crecemento continuo das bolsas de excelencia académica a través das que universitarias e universitarios galegos do exterior poden realizar un mestrado nunha das tres universidades galegas. 

Imaxe dunha das xornadas informativas aos bolseiros e bolseiras BEME celebradas nas tres universidades galegas
Imaxe dunha das xornadas informativas aos bolseiros e bolseiras BEME celebradas nas tres universidades galegas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou esta mañá no programa Un café con Eva, a través do que analizou a nova incorporación de 200 bolseiras e bolseiros de excelencia académica BEME aos campus das tres universidades galegas.

Miranda destacou o crecemento continúo no número de beneficiarias e beneficiarios destas bolsas académicas tanto polo interese xerado entre as e os universitarios galegos do exterior como pola eficacia do mesmo, xa que máis do 70 por cento dos alumnos e alumnas que fan un mestrado a través desta axuda nunha das universidades galegas quédase en Galicia e busca traballo ben por conta allea ou ben poñendo en marcha o seu propio proxecto de emprendemento.

“Incorpóranse así á nosa sociedade persoas con alta formación e experiencia que poden facer que as nosas empresas produzan para todo o mundo, o que supón unha vantaxe competitiva moi importante para a nosa economía”, engadiu o secretario xeral da Emigración.

Antonio Rodríguez Miranda recordou que este ano outorgáronse 200 bolsas BEME para cursar mestrados nos sete campus galegos. “Traballamos en absoluta colaboración coas universidades galegas que ven nestes alumnos unha oportunidade de aportar outras experiencias e outras culturas á vida universitaria”, matizou o responsable de este departamento autonómico. 

As Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior ampliáronse este ano, pasando das 150 do ano anterior ás 200 desta quinta edición. O Goberno galego destina para o presente curso 1,72 millóns de euros a este programa, ampliándoo ata case os 2 millóns para 2022, co fin de impulsar a captación de universitarias e universitarios galegos de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciatura, enxeñaría ou arquitectura, que poden así cursar un mestrado nalgunha das tres universidades galegas, cunha axuda económica que vai entre os 7.000 e os 11.475 euros. 

  • Audio: Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración | Descargar
519 lecturas