Miranda e Javier Arias reúnense cos bolseiros e bolseiras BEME da Secretaría Xeral da Emigración que cursan este ano un mestrado no campus de Lugo
As alumnas e alumnos, estudantes universitarios galegos retornados, están a levar a cabo algún dos mestrados que oferta a USC neste campus da cidade da muralla.
Con esta visita rematan os encontros coas bolseiras e bolseiros que cursan un mestrado nos campus das tres universidades galegas grazas á colaboración da Xunta.
Como no resto de universidades, en Lugo tamén se analizaron cuestións como a súa relación con Galicia e o seu interese por continuar vivindo nela, a homologación dos títulos universitarios e a necesidade de axilizar os trámites de residencia das e dos seus familiares sen pasaporte español.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo esta mañá, na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, un encontro coas bolseiras e bolseiros BEME que están a cursar un mestrado no campus da USC na cidade da muralla acompañado do delegado da Xunta nesta provincia, Javier Arias. Á reunión asistiron alumnas e alumnos dos mestrados que imparte o campus de Lugo, que son galegas e galegos retornados do exterior, e que obtiveron en 2020 unha destas axudas de excelencia que outorga a Secretaría Xeral da Emigración para poder ampliar estudos superiores.
Os responsables autonómicos coñeceron as historias persoais de cada un dos alumnos e alumnas que asistiron á reunión. Moitas e moitos deles decidiron solicitar esta bolsa de estudos para retornar a Galicia onde naceron ou por ser terra dos seus pais, nais ou avós e avoas, e moitas e moitos deles incluso trouxeron consigo as súas parellas e fillos e fillas.
Durante o encontro, as e os alumnos trasladáronlle ao secretario xeral as súas impresións sobre como, en moitos casos, foi a propia pandemia a que fixo que tomaran a decisión de solicitar a bolsa xa que moitas e moitos consideraron que era un bo ano para estudiar dada a situación de paralización mundial que se estaba a vivir.
Outros dos temas que se trataron, como xa sucedeu no resto de campus, foi a necesidade de solicitar ao Estado que axilice a homologación dos seus estudos universitarios, que está a tardar unha media de dous anos, o que lles causa problemas á hora de poder buscar un emprego axeitado á súa formación para poder quedarse a vivir na nosa comunidade autónoma. Os problemas burocráticos coa tramitación da residencia das e dos seus familiares sen nacionalidade española ou o seu interese por emprender en Galicia foron outros dos asuntos que se analizaron neste encontro, co que se pon punto e final á rolda de reunións que o secretario xeral da Emigración levou a cabo cos bolseiros e bolseiras BEME do presente curso das tres universidades galegas.
Na actualidade 162 estudantes atópanse realizando un dos 146 mestrados que ofrecen a USC, a UVigo e a UDC, xa que agunhas e algúns dos matriculados do ano anterior aínda continúan desenvolvendo os seus estudos que constan de 90 créditos.
A convocatoria para as bolsas do próximo curso 2021/22 aumentan das 150 de 2020 ata as 200 para este ano de cara a paliar as dificultades causadas pola pandemia da covid-19.
O Goberno galego destina 1,72 millóns de euros impulsando a captación dun total de 200 tituladas e titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciatura, enxeñaría ou arquitectura, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.
A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, pasando das 150 bolsas do pasado curso ás 200 para o 2021/22, co fin de axudar no regreso de máis mozas e mozos a Galicia polas dificultades que poidan existir no exterior a consecuencia da covid-19.
A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aquelas e aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumnado).
Novas relacionadas