O XIV Pleno do Consello de Comunidades Galegas impulsa unha reforma da Lei da Galeguidade adaptada á realidade dos galegos no exterior
O relatorio de Galeguidade avoga por modernizar o marco normativo, integrar o talento exterior nas estratexias de internacionalización e asegurar a substitución xeracional nas entidades.
O XIV Pleno do Consello de Comunidades Galegas concluíu os seus traballos en Río de Xaneiro poñendo de manifesto que a galeguidade é unha realidade que vai moito máis alá das fronteiras xeográficas. As conclusións do relatorio específico sobre esta materia determinan a necesidade de impulsar unha reforma da Lei da Galeguidade, que recoñeza a Galicia global do século XXI e constrúa un marco de relación adaptado aos novos tempos.
A futura reforma normativa mirará ao futuro sen romper co pasado, preservando o inmenso legado de esforzo das sociedades de emigrantes e dos centros galegos. Neste eido, sinálase que a modernización da lei debe ofrecer flexibilidade, recoñecer a diversidade actual das entidades e facilitar a incorporación de novas persoas, revisando cuestións normativas como o cómputo dos socios colaboradores.
Destacouse tamén a necesidade de darlle á historia da emigración o recoñecemento que merece no ensino galego. As conclusións instan a reforzar esta realidade no currículo educativo, para que as novas xeracións coñezan a dimensión real da diáspora e a súa contribución á construción da Galicia actual, materializada historicamente en numerosas obras filantrópicas e de instrución.
Finalmente, o documento sitúa á mocidade como a clave da nova Lei da Galeguidade. Para garantir a supervivencia das entidades, establécese a necesidade de abrir novas canles dixitais e presenciais, utilizando o deporte, a música e a cultura como pontes interxeracionais que ofrezan espazos atractivos para que mozos e mozas manteñan vivo o vínculo coa súa orixe, mediante un compromiso institucional estable e de longo percorrido.
Novas relacionadas




