As entidades da diáspora debaten esta semana o futuro da galeguidade no X Pleno do Consello das Comunidades Galegas

O presidente da Xunta inaugurará este xoves en Santiago a xuntanza máis representativa da Emigración galega, de carácter trienal.

Mañá mércores terá lugar no Pazo de Mariñán unha xornada de traballo previa da Comisión Delegada.

Listen to this page using ReadSpeaker

Imaxe da reunión da Comisión Delegada celebrada en Ourense en decembro de 2011. Foto de arquivo.O Pazo de Mariñán acolle mañá mércores a xornada de traballo da Comisión Delegada –máximo órgano de representación entre plenarios- do Consello de Comunidades Galegas, que engloba ás entidades e centros galegos de todo o mundo con certificación de galeguidade recoñecida.

A cita de Mariñán ten especial relevancia, por canto se trata da derradeira xuntanza da actual Comisión, xa que a súa composición variará coa elección de novas e novos membros. Esta escolla é, precisamente, unha das encomendas do plenario do Consello de Comunidades Galegas, que terá lugar en Santiago o xoves e venres, e que inaugurará o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.

Neste plenario, que ten lugar cada tres anos, confirmaron a súa presenza representantes de case centenar e medio de organizacións con certificación de galeguidade, que debaterán sobre os principais asuntos actuais de interese e preocupación da cidadanía residente fóra da Galicia territorial.

Puntos principais
No plenario do Consello, que se reúne por décima vez en toda a súa historia, abordaranse múltiplas cuestións relacionadas co pasado, presente e futuro dos movementos migratorios de cidadadás e cidadáns galegos e os seus descendentes, pivotando en torno a catro asuntos centrais: o desenvolvemento normativo e a próxima Lei de Galeguidade; as políticas socio-asistenciais no exterior (con experiencias de diversa índole relatadas polos seus protagonistas); a cultura galega na diáspora; e a Galicia exterior no século XXI (con reflexións sobre participación política e empresarial, formación, papel da muller, novas tecnoloxías, e sostibilidade das propias comunidades galegas).

A elección de Santiago como sede desta nova xuntanza do órgano plenario representativo da emigración débese a que a anterior cita se levou a cabo en terras americanas, concretamente na capital uruguaia, Montevideo. Segundo se estipula nas normas do Consello da Galeguidade, debe alternarse unha celebración fóra con outra na Galicia territorial.

As entidades con presenza no Plenario teñen a súa sede no resto das comunidades autónomas españolas, noutros países de Europa, e tamén alén o Atlántico, cumprindo precisamente salientar a presenza de moitas delegadas e delegados vidos de América, a metade.

Así, do case centenar e medio de entidades con representantes no Pleno, teñen confirmada presenza máis de setenta procedentes de terras americanas, destacando a as 29 arxentinas, 10 uruguaias, 9 cubanas, e 6 venezolanas. Tamén haberá representantes de Brasil, os Estados Unidos, México, Chile e Canadá.

Do case medio cento de presidentes de centros galegos radicados noutras comunidades autónomas españolas, destacan as 13 de Cataluña e 9 do País Vasco, pero tamén haberá presenza de representantes dos centros galegos en Castela e León, Andalucía, Comunidade Valenciana, Madrid, Canarias, Asturias, Murcia, Illas Baleares, Navarra, Cantabria, Aragón, e Extremadura. É dicir, estarán representadas quince das dezasete comunidades que conforman o Estado, faltando unicamente A Rioxa e Castela - A Mancha (aparte as cidades autónomas de Ceuta e Melilla).

Finalmente, vinte entidades galegas con sede noutros países de Europa estarán presentes mediante cadanseu presidente ou presidenta, destacando en número a presenza de representantes de Alemaña e Suíza, aínda que haberá tamén galegos residentes en Bélxica, Francia, Holanda, e Portugal.

1134 lecturas