O delegado da Xunta na Arxentina anima no Brasil a peregrinar a Galicia no próximo ano xacobeo
Alejandro López Dobarro participou na XII edición do Encontro Nacional de Peregrinos no Brasil.
Pon en valor a cultura xacobea como punto de unión entre persoas de todas partes do mundo.
O delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro, participou na XII edición do ENAP, o Encontro Nacional de Peregrinos, que se celebrou en São Miguel das Missões, unha localidade de Rio Grande do Sul, no Brasil, entre os días 4 e 7 de setembro. Nela, López Dobarro animou a todos os alí presentes a peregrinar a Santiago de Compostela o ano que vén con motivo do Ano Santo Xacobeo, salientando que “Galicia vos espera cos brazos abertos”.
O Encontro Nacional de Peregrinos é o maior evento de integración para amantes do Camiño de Santiago e outras rutas de peregrinación no Brasil. A edición deste ano, na que participaron douscentos representantes de distintas asociacións de todo o país, centrouse na importancia do Camiño de Santiago como a orixe destes encontros.
Neste sentido, o delegado da Xunta puxo en valor a cultura xacobea como punto de encontro e unión entre persoas de todas partes do mundo. Ao mesmo tempo, agradeceu a todas as asociacións presentes o impulso por manter vivos a tradición e os valores do Camiño, “sen importar a distancia”.
Novas relacionadas






