O programa “Un Nadal de Contos” comeza mañá mércores cunha historia sobre os petróglifos na Aula GaliciaAberta
Esta nova proposta de contacontos da Secretaría Xeral da Emigración desenvolverase tódolos mércores e sábados ata o próximo 26 de decembro
As sesións correrán a cargo de Polo Correo do Vento.
A Secretaria Xeral da Emigración desenvolverá dende mañá o programa “Un Nadal de Contos” destinado ás e aos máis pequenos dentro da Aula GaliciaAberta.
A iniciativa, que consistirá en dez sesións de contacontos levados a cabo por Polo Correo do Vento, será emitida a través do Facebook Live de GaliciaAberta os mércores e sábados de 20 a 21 horas de España dende mañá, 25 de novembro, e ata o 26 de decembro.
O primeiro contacontos chámase Petra, unha artista na Idade do Bronce, e ten como protagonista a unha muller do Neolítico, artista pioneira onde as houbera, dedicada a realizar petróglifos, que son deseños simbólicos grabados en rocas en distintos lugares de Galicia, como Campo Lameiro, Ponte Caldelas ou Marín, realizados a través do desgaste da capa superficial da roca. Son considerados símbolos previos á escritura.
Todas e todos aqueles que non poidan velo en directo terán a oportunidade de visualizalo posteriormente nas redes sociais da Secretaría Xeral da Emigración, e mesmo na súa web institucional (emigracion.xunta.gal), onde quedará colgado tan pronto finalice a actividade.
Os contacontos alternarán historias de Nadal con contos sobre o Xacobeo e historias de persoeiros célebres coma o pirata Benito Soto.
Novas relacionadas




