Miranda salienta a importancia da formación das e dos representantes das entidades galegas na procura de “facilitar o día a día da nosa colectividade”
O secretario xeral da Emigración inaugura o curso de Formación para Persoal das Delegacións e das Entidades Colaboradoras no Exterior, que se desenvolve esta semana con distintos temas de actualidade e interese para as galegas e os galegos do exterior.
As xornadas contan coa participación de representantes de distintos países de América que verán reforzada a súa formación en materia de emigración e retorno.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inaugurou hoxe o curso de Formación para persoal das delegacións e das entidades colaboradoras no exterior, que se desenvolverá durante esta semana en Santiago e que ten por obxectivo promover a formación de cara a “facilitar o día a día da nosa colectividade, para que as nosas entidades sexan puntos de referencia nos que acceder a toda a información necesaria, tanto para o quefacer diario, como para o coñecemento dos distintos programas de actuación da Secretaría”.
Neste marco, Miranda agradeceu ás e aos participantes a súa “asistencia e implicación” na procura de mellorar os seus coñecementos e poder así colaborar coa colectividade na xestión de asuntos de actualidade e na solución dos problemas que se atopan.
“Xornadas como esta son unha boa oportunidade para afondar na importancia da colaboración entre administracións e entidades, na procura de achegarvos a información e a formación necesaria”, incidiu Miranda, quen puxo en valor que durante estes días as e os representantes das entidades e delegacións de distintos países de América verán reforzada a súa formación en materia de emigración e retorno.
Así mesmo, o representante do departamento autonómico destacou o “labor fundamental” que se realiza nas entidades e delegacións no exterior. “O seu traballo desinteresado fai máis fácil o día a día dos miles de galegos que viven no exterior”, afondou.
Novas relacionadas




