Miranda lembra durante a inauguración da exposición “Manuel Aris, cinema na emigración” en Montevideo o traballo invisible e solidario de milleiros de galegas e galegos nos seus países de destino
O secretario xeral da Emigración estivo acompañado no acto por familiares do cineasta, aos que agradeceu o labor do poiense, e polo autor da mostra, Xan Leira.
O titular do departamento galego inaugurou, acompañado polo delegado da Xunta e o ministro de Trabajo y Seguridad Social do Uruguai o “Saborea Galicia”, que levou á capital.
Na inauguración do 'Saborea Galicia', de esquerda a dereita: Jorge Gago, Ernesto Murro, Alejandro López Dobarro e Antonio Rodríguez Miranda
A mostra toma o seu nome do documental que lembra a figura deste pontevedrés de Poio que foi considerado o principal cineasta da emigración española
A mostra toma o seu nome do documental que lembra a figura deste pontevedrés de Poio que foi considerado o principal cineasta da emigración española
Previamente, Miranda mantivo un encontro coas e cos membros do Consejo de Residentes Españoles (CRE) do Uruguai
“Me dijeron que yo nací el día veintiséis de septiembre de mil novecientos veinte en San Salvador de Poio (Pontevedra), a las once de la noche, en la aldea llamada Lourido, en la casa de mis abuelos paternos Manuel Torres Núñez y Ángela Castiñeira, que ya había fallecido; mi madre Jesusa Torres Castiñeira; mi padre José Aris Lois, de profesión mariñeiro”. Así comeza a exposición Manuel Aris, no cinema da emigración, que vén de inaugurar o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, no Patronato da Cultura Galega de Montevideo. A través de 14 paneis, a mostra, que toma o seu nome do documental que lembra a figura de quen foi considerado o principal cineasta da emigración española, e moi especialmente a galega, no Uruguai, revisa os diferentes aspectos do emigrante pontevedrés. O director Xan Leira recopilou durante varios meses os datos máis persoais e a traxectoria profesional dun poiense que, sendo torneiro de oficio, fixo da súa vocación, o cine, o seu maior legado, e os completou con testemuñas do propio Aris e dalgunhas e dalgúns dos seus familiares e amizades máis achegadas.
Acompañado pola filla do cineasta, Cecilia Aris, polo autor da exhibición e polo delegado da Xunta no Uruguai, Alejandro López Dobarro, o titutar galego de Emigración salientou “o traballo, moitas veces invisible, de milleiros de galegos que desde os seus países de destino empregaron os seus recursos persoais e horas de sono en axudar aos seus compatriotas de xeitos que agora nos custa imaxinar. Manuel Aris fíxoo a través dos seus filmes e do seu popular e eterno programa de radio Por los caminos de España, pero hai outros moitos galegos anónimos que, malia que nunca terán a posibilidade de figurar nunha mostra nin nun documental, están presentes en cada pequena historia que descubrimos cada día. Historias que, como a deste pontevedrés, marcaron a diferenza”.
Un “cinema de correspondencia”
O secretario xeral da Emigración quixo aproveitar a ocasión para agradecer, a través da súa filla, o labor impagable que realizou Aris de reflectir a realidade da emigración galega no Uruguai e, ao mesmo tempo, preservar os lazos que unían ás e aos milleiros de emigrantes galegas e galegos que se afincaron no país á súa Galicia natal a través das súas películas. Delas aseguran os expertos que “polas súas características formais e o público ao que estaba dirixidas, podémolas definir como un “cinema de correspondencia”. Manuel transmitía dunha beira a outra do Atlántico unha mensaxe visual e emocional onde o emigrante do Río da Prata podía ver a súa terra, a súa paisaxe e incluso a súa familia. Iso, pensado a mediados do século XX, era un fenómeno de comunicación extraodinario para milleiros de persoas que pensaban que nunca máis ían voltar ou ver a súa terra. Moito menos, ter a sorte de ver na pantalla a súa familia”.
“Saborea Galicia” pon fin á axenda oficial
Previamente, Miranda mantivo un encontro coas e cos membros do Consejo de Residentes Españoles (CRE) do Uruguai, con quen falou, entre outros temas, sobre as cuestións relativas á necesaria reforma para eliminar o voto rogado para as cidadás e os cidadáns españois do exterior, e a modificación da lei de nacionalidade para eliminar as situacións de agravio comparativo xeradas pola Lei da Memoria Histórica, ámbalas dúas en tramitación nas Cortes Xerais.
O titular do departamento de Emigración da Xunta de Galicia porá fin, pola súa banda, este mediodía á súa visita ao Uruguai, a terceira deste ano, coa inauguración de Saborea Galicia, unha proposta da Secretaría Xeral de Emigración en colaboración coa Consellería de Mar, a Consellería do Medio Rural, a Fundación Pública Artesanía de Galicia, a Axencia Galega de Turismo e o IGAPE, á que asistiron o ministro de Trabajo y Seguridad Social do Uruguai, Ernesto Murro e o director xeral do Instituto Nacional de Empleo y Formación Profesional (INEFOP) Eduardo Pereyra, e que ten como obxecto a promoción de produtos alimentarios de orixe galega, nos ámbitos relacionados co empresariado galego no exterior.
O pontevedrés Jorge Gago, chef do restaurante A Maceta de Santiago de Compostela e Premio Cociñeiro Novo 2017 do Fórum Gastronómico, é o encargado de levar a cabo un total de catro showcookings dirixidos a profesionais do sector, tanto nos eidos da restauración como da comunicación, distribución e outros, nos que empregará produtos da terra e o mar galegos, cuxas propiedades e usos exporá ante as e os asistentes. Unha vez rematada a parte estritamente gastronómica, o restaurante García, un dos grandes referentes gastronómicos do país e propiedade dun emigrante galego, ubicado no barrio de Punta Carretas, converterase nun espazo no que as e os profesionais poidan achegar intereses comúns e posibles colaboracións futuras.
Novas relacionadas



