Miranda lembra durante a inauguración da exposición “Manuel Aris, cinema na emigración” en Montevideo o traballo invisible e solidario de milleiros de galegas e galegos nos seus países de destino

O secretario xeral da Emigración estivo acompañado no acto por familiares do cineasta, aos que agradeceu o labor do poiense, e polo autor da mostra, Xan Leira.

O titular do departamento galego inaugurou, acompañado polo delegado da Xunta e o ministro de Trabajo y Seguridad Social do Uruguai o “Saborea Galicia”, que levou á capital.

  • Na inauguración do 'Saborea Galicia', de esquerda a dereita: Jorge Gago, Ernesto Murro, Alejandro López Dobarro e Antonio Rodríguez Miranda
    Na inauguración do 'Saborea Galicia', de esquerda a dereita: Jorge Gago, Ernesto Murro, Alejandro López Dobarro e Antonio Rodríguez Miranda
  • A mostra toma o seu nome do documental que lembra a figura deste pontevedrés de Poio que foi considerado o principal cineasta da emigración española
    A mostra toma o seu nome do documental que lembra a figura deste pontevedrés de Poio que foi considerado o principal cineasta da emigración española
  • A mostra toma o seu nome do documental que lembra a figura deste pontevedrés de Poio que foi considerado o principal cineasta da emigración española
    A mostra toma o seu nome do documental que lembra a figura deste pontevedrés de Poio que foi considerado o principal cineasta da emigración española
  • Previamente, Miranda mantivo un encontro coas e cos membros do Consejo de Residentes Españoles (CRE) do Uruguai
    Previamente, Miranda mantivo un encontro coas e cos membros do Consejo de Residentes Españoles (CRE) do Uruguai
Listen to this page using ReadSpeaker
Montevideo (O Uruguai), 20 de novembro de 2018.

“Me dijeron que yo nací el día veintiséis de septiembre de mil novecientos veinte en San Salvador de Poio (Pontevedra), a las once de la noche, en la aldea llamada Lourido, en la casa de mis abuelos paternos Manuel Torres Núñez y Ángela Castiñeira, que ya había fallecido; mi madre Jesusa Torres Castiñeira; mi padre José Aris Lois, de profesión mariñeiro”. Así comeza a exposición Manuel Aris, no cinema da emigración, que vén de inaugurar o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, no Patronato da Cultura Galega de Montevideo. A través de 14 paneis, a mostra, que toma o seu nome do documental que lembra a figura de quen foi considerado o principal cineasta da emigración española, e moi especialmente a galega, no Uruguai, revisa os diferentes aspectos do emigrante pontevedrés. O director Xan Leira recopilou durante varios meses os datos máis persoais e a traxectoria profesional dun poiense que, sendo torneiro de oficio, fixo da súa vocación, o cine, o seu maior legado, e os completou con testemuñas do propio Aris e dalgunhas e dalgúns dos seus familiares e amizades máis achegadas. 

Acompañado pola filla do cineasta, Cecilia Aris, polo autor da exhibición e polo delegado da Xunta no Uruguai, Alejandro López Dobarro, o titutar galego de Emigración salientou “o traballo, moitas veces invisible, de milleiros de galegos que desde os seus países de destino empregaron os seus recursos persoais e horas de sono en axudar aos seus compatriotas de xeitos que agora nos custa imaxinar. Manuel Aris fíxoo a través dos seus filmes e do seu popular e eterno programa de radio Por los caminos de España, pero hai outros moitos galegos anónimos que, malia que nunca terán a posibilidade de figurar nunha mostra nin nun documental, están presentes en cada pequena historia que descubrimos cada día. Historias que, como a deste pontevedrés, marcaron a diferenza”.

Un “cinema de correspondencia” 
O secretario xeral da Emigración quixo aproveitar a ocasión para agradecer, a través da súa filla, o labor impagable que realizou Aris de reflectir a realidade da emigración galega no Uruguai e, ao mesmo tempo, preservar os lazos que unían ás e aos milleiros de emigrantes galegas e galegos que se afincaron no país á súa Galicia natal a través das súas películas. Delas aseguran os expertos que “polas súas características formais e o público ao que estaba dirixidas, podémolas definir como un “cinema de correspondencia”. Manuel transmitía dunha beira a outra do Atlántico unha mensaxe visual e emocional onde o emigrante do Río da Prata podía ver a súa terra, a súa paisaxe e incluso a súa familia. Iso, pensado a mediados do século XX, era un fenómeno de comunicación extraodinario para milleiros de persoas que pensaban que nunca máis ían voltar ou ver a súa terra. Moito menos, ter a sorte de ver na pantalla a súa familia”.

“Saborea Galicia” pon fin á axenda oficial 
Previamente, Miranda mantivo un encontro coas e cos membros do Consejo de Residentes Españoles (CRE) do Uruguai, con quen falou, entre outros temas, sobre as cuestións relativas á necesaria reforma para eliminar o voto rogado para as cidadás e os cidadáns españois do exterior, e a modificación da lei de nacionalidade para eliminar as situacións de agravio comparativo xeradas pola Lei da Memoria Histórica, ámbalas dúas en tramitación nas Cortes Xerais.

O titular do departamento de Emigración da Xunta de Galicia porá fin, pola súa banda, este mediodía á súa visita ao Uruguai, a terceira deste ano, coa inauguración de Saborea Galicia, unha proposta da Secretaría Xeral de Emigración en colaboración coa Consellería de Mar, a Consellería do Medio Rural, a Fundación Pública Artesanía de Galicia, a Axencia Galega de Turismo e o IGAPE, á que asistiron o ministro de Trabajo y Seguridad Social do Uruguai, Ernesto Murro e o director xeral do Instituto Nacional de Empleo y Formación Profesional (INEFOP) Eduardo Pereyra, e que ten como obxecto a promoción de produtos alimentarios  de orixe galega, nos ámbitos relacionados co empresariado galego no exterior.

O pontevedrés Jorge Gago, chef do restaurante A Maceta de Santiago de Compostela e Premio Cociñeiro Novo 2017 do Fórum Gastronómico, é o encargado de levar a cabo un total de catro showcookings dirixidos a profesionais do sector, tanto nos eidos da restauración como da comunicación, distribución e outros, nos que empregará produtos da terra e o mar galegos, cuxas propiedades e usos exporá ante as e os asistentes. Unha vez rematada a parte estritamente gastronómica, o restaurante García, un dos grandes referentes gastronómicos do país e propiedade dun emigrante galego, ubicado no barrio de Punta Carretas, converterase nun espazo no que as e os profesionais poidan achegar intereses comúns e posibles colaboracións futuras. 

178 lecturas