Rodríguez Miranda compromete o mantemento do apoio da Xunta á comunidade galega con presenza en Río de Xaneiro

O secretario xeral da Emigración recibiu no seu despacho á presidenta do ‘Recreio dos Anciâos’, Regina Jallas.

O mandatario autonómico anuncia unha visita á colectividade galega en Brasil para este primeiro trimestre de 2016.

Na foto de arquivo, Miranda, Regina Jallas e Beatriz Mato durante unha visita institucional da e do mandatario autonómicos ao Brasil o pasado mes de xullo
Na foto de arquivo, Miranda, Regina Jallas e Beatriz Mato durante unha visita institucional da e do mandatario autonómicos ao Brasil o pasado mes de xullo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2016.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho en Santiago a Regina Jallas, presidenta da Associaçao Recreio dos Anciâos para Asilo da Velhice Desamparada, de Río de Xaneiro, un dos centros asistenciais para os galegos e as galegas do Exterior que se ten convertido en referencia obrigada pola súa boa xestión e solvencia, tanto no Brasil como no resto do mundo.

Miranda recordou a alta estima e consideración na que Emigración, e a Xunta no seu conxunto, ten ao Recreio, e comprometeu a continuidade do Goberno galego “na colaboración con esta modélica institución durante este ano 2016”. Estima e consideración que fixo extensivas tamén ás outras dúas comunidades galegas con presenza en Río, a Peña Galega da Casa de Espanha e o Hospital Espanhol, “dúas entidades coas que mantemos contacto e colaboración permanentes”, asegurou o secretario xeral.

“Chama poderosamente a atención a forza e compromiso da colectividade galega en Río, con tres institucións moi relevantes, que traballan arreo en prol das e dos galegos residentes alí, e as tres realizando un ímprobo traballo no eido social”, afirma Miranda. Un compromiso que se reflicte nos esforzos que realizan as e os membros das respectivas directivas, en ocasións poñendo en risco o capital propio para que estas comunidades manteñan ou reforcen a súa presenza.

O máximo mandatario autonómico en materia de Emigración comprometeuse con Jallas a visitar a colectividade galega en Río, e noutras zonas do Brasil, no decurso do primeiro trimestre do ano. Nesa viaxe, é intención de Miranda asinar tamén convenios de colaboración para garantir o mantemento da prestación social e sanitaria ás e aos galegos que son atendidos por estas institucións.

O Recreio
O Recreio dos Anciâos para Asilo da Velhice Desamparada conta con instalacións para atender a máis de 200 persoas internas, ademáis de teatro, capela, biblioteca e unha ampla área de esparcemento. A entidade, fundada en 1940, acolle anciás e anciáns temporal ou permanentemente de forma gratuíta, ou con sistema de cofinanciamento, dando prioridade ás españolas e aos españois necesitados e anciáns.

Levan a cabo unha asistencia integral dos beneficiarios e beneficiarias que inclúe alimentación, vestiario, servizos médicos, fisioterapia, ximnasia, terapia ocupacional, actos culturais, etcétera, mellorando así o aspecto social, emocional e psicolóxico.

No ano 2004, concedéuselle a título póstumo a Medalla de Galicia na categoría de bronce a quen fora o seu presidente, Manuel Taboada Quintás, por ser o impulsor de varios programas de cooperación cos colectivos marxinais asentados en favelas de Brasil. Pola súa banda, a actual presidenta ten recollido diversos recoñecementos en ambas beiras do océano, a última das cales foi no decurso da Gala dos Xalleiros na que participou Antonio Rodríguez Miranda.

A Peña Galega
Canto á Peña Galega da Casa de Espanha, trátase dunha entidade creada en 1983 que conta cunha masa social que rolda os dous millares de membros. Conta cun local social en propiedade duns 12.000 metros cadrados, con aulas, auditorio, salóns sociais e audiovisual, biblioteca, teatro, sala de exposicións, ximnasio, e servizos de hostalaría.

A Casa de Espanha foi fundada en 1983, grazas á fusión de dous centros galegos instalados nesa cidade (Club Espanhol de Río de Janeiro e Casa de Galicia). Nace coa idea de reunir, mediante accións atractivas, a tódalas e tódolos emigrantes da zona, galegas e galegos na súa inmensa maioría; de feito, estímase que a gran maioría da poboación española de Río de Janeiro é de orixe galega.

Desenvolve actividades culturais, musicais -con escola de gaitas-, de lingua e literatura, sociais e deportivas. Dispón dun moderno edificio situado nunha das ladeiras do Corcovado. Consta entre as súas finalidades a de servir de vínculo entre as e os membros da comunidade española –nomeadamente galega-, mantendo as nosas tradicións, folclore e cultura.

O Hospital Espanhol
Para rematar, o Hospital Espanhol é formalmente propiedade da histórica Sociedade Espanhola de Beneficiencia, creada en 1859, e que funcionou como centro de preservación da cultura hispánica en Río de Xaneiro, comezando cunha marcada vertente social e cultural. É a partir de 1912 que agroma, por mor das necesidades detectadas, a idea da creación dunha institución sanitaria especializada.

Así, en 1928, era finalmente inaugurado o Hospital Espanhol, con sede na que daquela se chamaba a Casa de Saúde de Criciúma. Arestora, cunha nova sede moito máis moderna e ampla, ofrece atención sanitaria en máis de trinta especialidades médico-cirúrxicas, e conta con consultas externas e tamén instalacións para internamento de pacientes.

1195 lecturas