Ingreso de Nélida Piñón na Real Academia Galega
No seu discurso, a nova académica de honra salientou a importancia da memoria familiar e da histórica na construción do seu imaxinario narrativo.
A resposta, en nome da Academia, correspondeulle a Ramón Villares.
O acto, que tivo lugar na Academia, contou coa asistencia, entre outros, do seu presidente, Xesús Alonso Montero; do secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Jesús Oitavén; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; do presidente da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, Xosé Antonio García Caridad; do conselleiro do Consello Consultivo de Galicia, Gonzalo de la Huerga; do alcalde de Cotobade, Jorge Cubela; do presidente do Pen Clube, Luís González Tosar e do escritor Xosé Fernández Naval.
O discurso fúnebre de Pericles e os relatos do avó Daniel ao pé da lareira ostentan unha xerarquía semellante no altar literario de Nélida Piñón, quen atopou na experiencia da emigración, coñecida en segunda persoa a partir do relato do seu pai e a súa nai, emigrantes galegos no Brasil de primeiros de século, un tema preferente na súa escrita, que había cristalizar en 1984 coa publicación de A República dos Soños.
A nova académica literaria centrou boa parte do seu discurso de ingreso, titulado A épica do corazâo, na descrición do seu proceso de descuberta e coñecemento de Galicia e, nomeadamente, do concello natal dos seus pais, Cotobade (Pontevedra). O contacto con esta realidade e as súas xentes dotouna dun novo horizonte literario: "obrigando-me moralmente a lhes atribuir uma vida romancesca com o propósito de resgatá-los da obscuridade em que viveram".
No seu discurso de resposta, o membro de número da Academia, Ramón Villares, logo de definir a Nélida Piñón como unha escritora "transcontinental" que soubo trenzar na súa escrita as dúas beiras do Atlántico, describiu A República dos Soños como unha epopea migratoria que contribuiu a resituar a importancia da emigración na conformación da identidade brasileira.
Fonte e foto: Real Academia Galega
Novas relacionadas




