A investigación sobre o galego avanza grazas á colaboración permanente entre a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega

O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e o presidente da institución académica, Xosé Luís Méndez Ferrín, asinaron hoxe un convenio para impulsar a investigación e a divulgación lingüística de alta relevancia social.

A través deste acordo a RAG continúa a levar a cabo os traballos de lexicografía, sociolingüística e terminoloxía.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Xunta de Galicia reafirma o seu apoio e compromiso co labor que desenvolve a Real Academia Galega (RAG). Faino mediante o convenio que asinaron esta mañá, en Santiago de Compostela, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e o presidente da institución académica, Xosé Luís Méndez Ferrín. No acto de sinatura tamén participou o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos.

A colaboración permanente entre a Xunta e a RAG –organismo responsable de establecer “as cuestións relativas á normativa, actualización e uso correcto da lingua galega”, segundo se establece na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística– permite impulsar proxectos de investigación e divulgación lingüística de alta relevancia social. Concretamente, ao abeiro deste convenio, a Consellería de Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, renova a súa colaboración coa RAG durante este ano para que continúe desenvolvendo os seus traballos de terminoloxía, lexicografía e sociolingüística.

En primeiro lugar, este novo marco de colaboración permitirá avanzar nos traballos terminolóxicos da RAG. Para o desenvolvemento de terminoloxía, un dos proxectos fundamentais que a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, mantén en colaboración coa RAG é o Termigal, o Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica en Lingua Galega. Desde a súa posta en funcionamente en 1996, o Termigal constitúe un servizo imprescindible para a elaboración e difusión de traballos terminolóxicos sobre a lingua galega que son necesarios e de vital importancia para dispoñer dun maior coñecemento sobre ela.

Fixación da terminoloxía galega da botánica
Este ano, ademais da atención ás consultas terminolóxicas da Administración, empresas e particulares, o Termigal levará a cabo, no marco do convenio, a investigación, recolleita e preparación da terminoloxía galega da botánica. Tamén traballará na elaboración da parte galega do Vocabulaire Panlatin du Marketing Économique da Rede Realiter e, ademais, acometerá a actualización da Sección de Documentación Terminolóxica, un proxecto de referencia para os estudosos de terminoloxía da lingua galega.

Actualización do dicionario
En segundo lugar, en canto aos traballos lexicográficos, o convenio permitirá finalizar a nova edición do dicionario da RAG –proxecto que a Xunta de Galicia vén apoiando desde o ano 2001–, así como a actualización do seu dicionario bilingüe castelán-galego. Finalmente, no marco do convenio impulsarase a investigación sociolingüística sobre os cambios e a evolución da lingua galega, o que permitirá poder poñer en práctica novas medidas de acordo coa realidade actual.

Outras colaboracións coa RAG
Ademais dos proxectos que se inclúen neste novo convenio, a Consellería de Educación colabora coa RAG na realización do XXIV Curso de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e Españois de fóra de Galicia, unha iniciativa que está a desenvolver o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago durante este mes de xullo e no que participan un total de 90 estudantes de máis de 20 países. Así mesmo, a entidade que preside Méndez Ferrín está a recibir da Secretaría Xeral de Política Lingüística a axuda económica anual que se inclúe no orzamento deste departamento da consellería.

O labor da RAG
A Real Academia Galega é unha institución científica adscrita á Consellería de Cultura e Turismo, que ten como obxectivo fundamental o estudo da cultura galega e especialmente a ilustración, defensa e promoción do idioma galego. Segundo recollen os seus estatutos, a súa finalidade é establecer as normas referidas ao uso correcto da lingua galega e, polo tanto, a elaboración das normas gramaticais, ortográficas e fónicas, o inventario de léxico e a proposta dun dicionario de uso, así como a modernización e actualización do léxico.

Para isto, a RAG conta coa colaboración permanente da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Consellería de Cultura e Turismo. Deste xeito a Xunta continúa a apoiar a investigación a prol dun mellor e máis completo desenvolvemento lingüístico.

1146 lecturas