O Lar Gallego participa nas "Aventuras Nocturnas de Hadas y Duendes en el Bosque Mágico" da capital chilena
O exitoso espectáculo no que interveñen os grupos folklóricos da entidade galega de Santiago de Chile remata a vindeira fin de semana.
Dende o 4 xaneiro e ata o 1 de febreiro, o Lar Gallego participa, todos os sábados, na " Noche Hadas y Duendes en el Bosque Mágico" que organiza o Buín Zoo da capital chilena.
A actividade, enmarcada nas xa tradicionais e estivais noites temáticas deste parque zoolóxico, desenvólvese entre as 20,00 h. e as 24,00 horas dos sábados do mes de xaneiro -e que, polo seu éxito, se ampliou tamén á primeira fin de semana de febreiro-, tempo no que as e os visitantes que se achegan ata o zoo (o máis grande do país andino) gozan dunha especial proximidade cos animais e a natureza.
Este ano a idea foi crear un mundo de fantasía, onde as persoas asistentes se mesturan durante o seu percorrido con seres máxicos que celebran con música, bailes, cantos e moita alegría a colleita anual, que permitiría continuar compartindo e convivindo en harmonía este hábitat globalizado.
Por iso, gaiteiros, percusionistas e bailaríns e bailarinas do Lar Gallego interpretan pezas relacionadas a este universo ficticio e mostran, dunha forma diferente -pero á vez emotiva-, Galicia, España e o Mundo Celta a un público multitudinario, diverso e participativo, que permite montar un espectáculo creativo e innovador.
Novas relacionadas




