Feijóo: “este ano foi o éxito mundial do fútbol de España e o éxito cultural de España foi o Xacobeo 2010, con 9 millóns de visitantes”.
O presidente da Xunta agradece a xenerosidade da Federación Española de Fútbol “por cumprir a palabra dada e estar aquí, hoxe, coa Copa do Mundo antes de pechar a Porta Santa que non se volverá abrir ata o ano 2021”.
Transmite en nome dos galegos a “alegría” que significa a Copa do Mundo e apela aos seus valores de esforzo, sacrificio e traballo en equipo para superar estes momentos de dificultade.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou, no mediodía de onte, que “este ano foi o éxito mundial do fútbol de España e o éxito cultural de España foi o Xacobeo 2010, con 9 millóns de visitantes”. “Este ano –dixo- foi o ano do éxito do fútbol como equipo, no que non hai máis figuras que o traballo ordenado, a previsión, o esforzo, o adestramento e o traballo colectivo, e o éxito do Xacobeo 2010. Nove millóns de persoas viñeron a Galicia para recorrer un camiño; o camiño da vida, da espiritualidade …, en definitiva, o camiño da cada un dos que fixeron o Camiño de Santiago este 2010”.
Logo de recibir ao adestrador da Selección Española de Fútbol e ao presidente da Real Federación Española de Fútbol, Feijóo transmitiu en nome dos galegos a “alegría” que significa a Copa do Mundo e apelou aos seus valores para superar estes momentos de dificultade, “para conseguir que o éxito colectivo do fútbol se poda trasladar tamén ao éxito colectivo da superación desta fase de desesperanza e desasosego que inunda á sociedade española no ámbito económico pero sobre todo no ámbito do desemprego”.
O responsable do Goberno galego destacou que detrás desta Copa do Mundo “hai moitos anos, moitos xogadores, moitos clubes, moitos adestramentos, moita canteira, millóns de horas de traballo, miles de futbolistas practicando un deporte e millóns de afeccionados admirando á súa selección. Hai o esforzo, o traballo, o sacrificio que son os valores da Selección e que son os valores que conseguen éxitos”.
Así mesmo, agradeceu a xenerosidade da Federación “por cumprir a palabra dada e estar aquí, hoxe, coa Copa do Mundo antes de pechar a Porta Santa que non se volverá abrir ata o ano 2021”.
Novas relacionadas



