Grugalma celebra as súas XXIX Xornadas de cultura galega na Casa de Galicia en Madrid

Dedicadas a Fernando El Católico e San Francisco de Asís, co título "Dous personaxes que deron celebridade ao Camiño de Santiago".

  • O Grupo Cultural Galicia en Madrid (Grugalma) iniciou este mércores na Casa de Galicia as súas XXIX Xornadas de Cultura Galega
    O Grupo Cultural Galicia en Madrid (Grugalma) iniciou este mércores na Casa de Galicia as súas XXIX Xornadas de Cultura Galega
  • O Grupo Cultural Galicia en Madrid (Grugalma) iniciou este mércores na Casa de Galicia as súas XXIX Xornadas de Cultura Galega
    O Grupo Cultural Galicia en Madrid (Grugalma) iniciou este mércores na Casa de Galicia as súas XXIX Xornadas de Cultura Galega
Listen to this page using ReadSpeaker
Madrid, 19 de xuño de 2013.

O Grupo Cultural Galicia en Madrid (Grugalma), que preside o profesor Manuel Mourelle de Lema, iniciou hoxe na Casa de Galicia as súas XXIX Xornadas de Cultura Galega, que finalizarán mañá. Esta edición ten por título Dous personaxes que deron celebridade ao Camiño de Santiago e céntrase nas figuras do Rei Fernando V de Castela, Fernando El Católico, nos 497 anos da súa morte, e de San Francisco de Asís, ante o próximo VIII Centenario da súa peregrinación.

Esta primeira xornada estivo dedicada a Fernando El Católico e a cargo de Manuel Mourelle de Lema, académico C. da Real Academia da Historia, profesor titular emérito da Universidade Complutense de Madrid (UCM) e membro da Real Academia de Cultura Valenciana, e finalizou cunha lectura de poemas da xornalista e escritora Izara Batres Cuevas. Na xornada de mañá, dedicada a San Francisco de Asís, o seu tempo e a súa vida, intervirán José María Blázquez Martínez, académico da Real Academia da Historia, ex catedrático da UCM e membro do Colexio Libre de Eméritos Universitarios, e Antonio Valderrama Pérez, O.F.M, reitor da Basílica de San Francisco o Grande e gardián do Convento de San Francisco o Grande de Madrid.

As Xornadas foron presentadas hoxe polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen fixo referencia á personalidade e os méritos dos conferenciantes que reúnen.

Mourelle de Lema explicou que Fernando El Católico foi peregrino a Santiago xunto coa Raíña Isabel na época da guerra de Granada cando en determinado momento deixaron o campo de batalla e dirixíronse a Ponferrada por un conflito entre nobres. Dende alí foron a Santiago como peregrinos, para agradecer a evolución da contenda bélica, e xa na cidade promoveron a construción do hospital que hoxe é o Hostal dos Reis Católicos. Tamén visitaron A Coruña e outras vilas de Galicia. O conferenciante quixo desligar a figura de Fernando V da da súa esposa Isabel I de Castela, considerando que ela desempeñaba o papel de ideóloga e el o de guerreiro que organizaba a batalla. Tamén se referiu ao seu papel como rexente de Castela dende a morte de Isabel e ata a súa propia.

Esta primeira xornada finalizou coa lectura de poemas da escritora e xornalista Izara Batres Cuevas, que recibiu do presidente de Grugalma un diploma conmemorativo da súa participación nas Xornadas.

821 lecturas