Mujica visitará Galicia a primeiros de xuño

O presidente uruguaio busca "novas oportunidades" de negocio na área eólica e naval.

Feijóo quere "reforzar" a presenza de empresas galegas en Uruguai, onde xa traballan na construción de barcazas.

Na imaxe, Francisco Carlos Bustillo, embaixador de Uruguay en España. Foto: Europa Press.
Na imaxe, Francisco Carlos Bustillo, embaixador de Uruguay en España. Foto: Europa Press.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2013.

 O presidente de Uruguai, José Mujica, aproveitará a súa visita a España en torno ao 28 de maio para desprazarse a Galicia -entre o 1 e o 3 de xuño- e avanzar en "novas oportunidades" de negocio con empresas galegas nas áreas eólica e naval, segundo anunciou o embaixador daquel país en España, Francisco Carlos Bustillo.

En rolda de prensa en Santiago tras reunirse con autoridades galegas, o embaixador uruguaio destacou que no seu encontro co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, este "insistiu" na relevancia de "encontrar nichos de mercado" para as compañías galegas, e sinalou que Mújica tamén "quere poñer o acento" no ámbito das relacións comerciais.

Así, referiuse ao sector eólico e ao da construción de barcazas para navegar pola hidrovía, aspecto, este último, no que xa traballan varias firmas españolas -tamén da Comunidade galega-, pero que Núñez Feijóo quere "reforzar". "Feijóo insistiu en ver as posibilidades para incrementar os negocios de Galicia en Uruguai", sinalou.

Reunión con Antonio Fontenla
O embaixador de Uruguai tamén se entrevistou co presidente da patronal galega, Antonio Fontenla, con quen acordou celebrar unha nova reunión os días 3 e 4 de abril xunto a empresarios de Galicia, tamén coa vista posta en "avanzar nos negocios" conxuntos.

Ao respecto da cita deste mércores, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) resaltou que consistiu en tratar de "localizar novos puntos de colaboración que permitan o reforzo" das relacións comerciais e chamou a atención, a través dun comunicado, sobre o feito de que a balanza comercial entre ambos os dous territorios "foi tradicionalmente favorable á comunidade galega".

Así, fixa as cifras das exportacións ao país latinoamericano en torno aos 20 millóns de euros nos últimos tres anos. Pola súa banda, as importacións, segundo os datos da CEG, "decreceron neste mesmo período". Tras unha cifra "récord" en 2010, con 7,7 millóns de euros, en 2012 o volume de negocio retrocedeu ata os 2,4 millóns e a taxa de cobertura "mantense favorable de xeito constante cara a Galicia", subliña.

En canto aos sectores con maior peso na exportación galega con destino Uruguai, a patronal destaca as mercadorías subministradas a buques e aeronaves, "que achegan un 33% do total exportado"; produtos da pesca (19%) e confección feminina (15%).

Entrevista con Pilar Rojo
Na que é a súa primeira visita a unha comunidade autónoma, Francisco Carlos Bustillo cualificou de "gratificantes" as reunións con autoridades galegas -tamén coa presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo- e explicou que na súa xestión tratará "particularmente saír de Madrid" para "poñer o acento nas rexións".

No conxunto de España viven uns 80.000 uruguaios e uruguaias e o embaixador recoñeceu que lles afecta a crise e "pode chegar a pasar un pouco o mesmo" que aconteceu en Arxentina, onde se produciu un elevado retorno debido ao contexto económico.

A colonia pediu un "salvavidas"
Con todo, resaltou que o dos uruguaios  e uruguaias é un colectivo "que se insire moi ben" en todas as sociedades e, en concreto na de Galicia, indicou que as asociacións foron "tratadas con moito cariño", polo que agora están "a dar contención" ante este panorama.

En Galicia hai uns 10.500 uruguaios e uruguaias segundo o censo dos 315 concellos analizados polo Consulado, e Bustillo reuniuse na noite do martes, á súa chegada á comunidade, cunha colonia que, segundo recoñeceu, pediu á Embaixada "un salvavidas".

 

Fonte e foto: Europa Press

702 lecturas