Centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro
O 12 de decembro de 1912 nacía, en Celanova, Celso Emilio Ferreiro. Fanse pois, hoxe, cen anos do nacemento do autor de "Longa noite de pedra".
Ao longo de todo este ano 2012, Celso Emilio Ferreiro leva sido o protagonista dunha chea de homenaxes. A Real Academia Galega contribuíu tamén á conmemoración das súas efemérides coa celebración dun pleno extraordinario en Celanova o 9 de xuño do presente ano. Todas estas actividades culminan, hoxe, co recitado simultáneo, ás doce da mañá, por parte de alumnos e alumnas do ensino medio de todo o país, do poema Deitado fronte ao mar, iniciativa propulsada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL), e coa proxección, por parte da TVG, do documental 100% CEF, dirixido por Aser Álvarez e con interpretación de Celso Emilio a cargo de Luís Tosar.
Celso Emilio Ferreiro militou cando novo nas mocidades galeguistas, e a súa fidelidade ao ideal republicano valeríalle, en 1937, unha condena a morte a mans do réxime franquista que lle sería conmutada grazas ao apoio popular. Porén, desta experiencia, e dos días de reclusión pasados no Mosteiro de Celanova, tiraría o material vital que serviría de inspiración para a súa obra máis coñecida, Longa noite de Pedra.
Celso Emilio foi un poeta moi recoñecido en vida, as súas obras vendíanse por milleiros e a súa concepción da poesía, accesible e comprometida coa realidade do seu tempo, deixou unha forte pegada en varias xeracións de poetas e poetisas galegos e galegas.
Fonte e fotos: Real Academia Galega
Novas relacionadas






