Cultura conmemora o centenario do nacemento do escritor ourensán Celso Emilio Ferreiro cun completo programa de actividades ao longo de 2012

O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos presentou o programa de actos en homenaxe á vida e obra do escritor de Celanova, do que se cumpren hoxe, 4 de xaneiro, 100 anos do seu nacemento. En colaboración con outras entidades, a Xunta de Galicia porá en marcha iniciativas como a divulgación de textos de Celso Emilio en 28 concellos galegos, unha exposición itinerante sobre a súa figura, dous concertos homenaxe, a creación dunha páxina web, ou a edición de volumes especiais e traducións da súa obra.

  • Celso Emilio Ferreiro
    Celso Emilio Ferreiro
  • O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, durante a súa comparecencia
    O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, durante a súa comparecencia
Listen to this page using ReadSpeaker

O director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, presentou na mañá de onte na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o programa de actos que a Xunta de Galicia desenvolverá ao longo do presente ano 2012 en homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, co gallo do centenario do seu nacemento que se cumpre hoxe, 4 de xaneiro. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa unha serie de exposicións, edicións de libros, concertos e outras actividades destinadas a todos os públicos e a todos os sectores da poboación galega, para pór de manifesto a vixencia dunha obra imprescindible da literatura e da poesía. Esta programación, desenvolta en colaboración con diferentes entidades públicas e privadas, conmemora unha efeméride de gran importancia, referida a un dos escritores máis representativos do século XX galego.

Na presentación da programación da Xunta de Galicia en homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, o director xeral do Libro subliñou o compromiso da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coa “difusión e divulgación da obra dos nosos autores e da nosa literatura”. Francisco López enxalzou a figura do escritor celanovés como “o referente máis destacado da poesía social galega” e asegurou que Celso Emilio “representa un momento álxido da poesía galega de posguerra”.

O programa de actos comezará mañá mesmo, a través da iniciativa ‘100 poemas para lembrar a Celso Emilio’ dará inicio ás actividades desenvoltas pola Xunta de Galicia e consistirá consistirá na exhibición de mostras da súa poesía nos escaparates de cen establecementos públicos e privados de Celanova, durante todo o ano 2012. Esta acción, coa que se pretende achegar ao público o máis significativo da poesía de Celso Emilio Ferreiro, realízase en colaboración co Concello de Celanova, mediante a edición especial dos cen poemas seleccionados xunto a un breve resumo da biografia do poeta e a referencia dos establecementos participantes no proxecto.

O Ano Celso Emilio Ferreiro contará asemade cunha exposición interactiva centrada na súa vida e na súa obra, que percorrerá o territorio da comunidade en itinerancia polas bibliotecas e os centros escolares de Galicia. Durante este ano de conmemoración levaranse a cabo dous concertos de homenaxe, a través de Axencia Galega das Industrias Culturais, coa participación de destacadas e destacados intérpretes galegos que levaron aos escenarios e popularizaron poemas do autor e coa realización dun espectáculo multimedia baseado na súa figura. A creación da páxina web oficial de Celso Emilio Ferreiro dispoñible en tres idiomas, galego, castelán e inglés, e a a celebración dunha xornada de homenaxe na Biblioteca da Cidade da Cultura, serán outras iniciativas destacadas.

Cómpre subliñar tamén o proxecto ‘Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro’, un reparto de poemas da autoría do escritor celanovés nas caixas do correo das rúas das cidades e vilas de Galicia que levan o nome do escritor, un total de 28 concellos. Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia levará aos fogares unha obra literaria tan importante para a nosa cultura.

Edición de volumes e internacionalización da lingua galega
Na liña da internacionalización da literatura galega, a Xunta de Galicia ten previsto a edición en 2012 de Longa noite de pedra en versión inglesa, ao cargo do tradutor Jonathan Dunne e no marco da colección Galician Classics. Esta colección da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, conta co obxectivo prioritario de difundir en lingua inglesa as obras máis destacadas da literatura clásica galega. Os dous primeiros volumes editados en 2011 foron as traducións ao inglés dun poemario selecto de Lois Pereiro e Xente de aquí e de acolá de Álvaro Cunqueiro. Nesta mesma liña de internacionalización a Xunta de Galicia editará a versión bilingüe galego castelán de Longa noite de pedra, ao cargo do profesor e crítico Ramón Nicolás, que tamén prepara unha biografía, que se sumará á homenaxe.

Así mesmo, a Dirección Xeral do Libro apoiará a edición dos artigos publicados por Celso Emilio no diario ABC, onde tiña a sección ‘Mirador literario: escrito gallego’, desde 1973 ata o seu pasamento, en 1979.

1129 lecturas