Centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro

O 12 de decembro de 1912 nacía, en Celanova, Celso Emilio Ferreiro. Fanse pois, hoxe, cen anos do nacemento do autor de "Longa noite de pedra".

  • Imaxe de Celso Emilio Ferreiro. Foto: Real Academia Galega.
    Imaxe de Celso Emilio Ferreiro. Foto: Real Academia Galega.
  • Imaxe da capa de 'Longa noite de pedra', (Salnés, 1962). Foto: Real Academia Galega.
    Imaxe da capa de "Longa noite de pedra", (Salnés, 1962). Foto: Real Academia Galega.
  • Sinatura de Celso Emilio (Fondo Xosé Neira Vilas). Foto: Real Academia Galega.
    Sinatura de Celso Emilio (Fondo Xosé Neira Vilas). Foto: Real Academia Galega.
Listen to this page using ReadSpeaker
A Coruña, 12 de decembro de 2012.

Ao longo de todo este ano 2012, Celso Emilio Ferreiro leva sido o protagonista dunha chea de homenaxes. A Real Academia Galega contribuíu tamén á conmemoración das súas efemérides coa celebración dun pleno extraordinario en Celanova o 9 de xuño do presente ano. Todas estas actividades culminan, hoxe, co recitado simultáneo, ás doce da mañá, por parte de alumnos e alumnas do ensino medio de todo o país, do poema Deitado fronte ao mar, iniciativa propulsada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL), e coa proxección, por parte da TVG, do documental 100% CEF, dirixido por Aser Álvarez e con interpretación de Celso Emilio a cargo de Luís Tosar.

Celso Emilio Ferreiro militou cando novo nas mocidades galeguistas, e a súa fidelidade ao ideal republicano valeríalle, en 1937, unha condena a morte a mans do réxime franquista que lle sería conmutada grazas ao apoio popular. Porén, desta experiencia, e dos días de reclusión pasados no Mosteiro de Celanova, tiraría o material vital que serviría de inspiración para a súa obra máis coñecida, Longa noite de Pedra.

Celso Emilio foi un poeta moi recoñecido en vida, as súas obras vendíanse por milleiros e a súa concepción da poesía, accesible e comprometida coa realidade do seu tempo, deixou unha forte pegada en varias xeracións de poetas e poetisas galegos e galegas.

 

Fonte e fotos: Real Academia Galega

1335 lecturas