Igualdade desenvolve en 20 concellos un proxecto musical para concienciar á mocidade dos roles de xénero reproducidos nas cancións de amor

A iniciativa forma parte da oferta de actividades á rede de entidades locais contra a violencia de xénero, creada mediante acordo coa FEGAMP.

Igualdade desenvolve en 20 concellos un proxecto musical para concienciar á mocidade dos roles de xénero reproducidos nas cancións de amor
Igualdade desenvolve en 20 concellos un proxecto musical para concienciar á mocidade dos roles de xénero reproducidos nas cancións de amor
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2013.

Un total de 20 concellos de Galicia están a ofrecer no último trimestre deste ano un espectáculo pedagóxico-musical que analiza os roles de xénero que transmiten as cancións de temática amorosa, promovido pola Secretaría Xeral da Igualdade. A iniciativa forma parte da oferta de actividades de Igualdade á rede de entidades locais contra a violencia de xénero, creada o pasado mes de setembro en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias, FEGAMP.

O espectáculo, denominado I’ll be watching you, toma o seu título dunha balada do grupo Police, Every breath tou take, que fala da obsesión dun amante abandoado que repite "hei estar vixiando, ti perténcesme". Baixo ese punto de partida, analiza as cancións e produtos musicais que consume a mocidade, dende unha perspectiva de xénero, mediante actividades creativas e participativas. A sesión inclúe unha escolma de temas ben coñecidos que falan das relacións de parella, do namoramento, da paixón, da posesión, da dependencia e dos ideais románticos, para fomentar o espíritu crítico e a toma de conciencia da necesidade de actuar para previr situacións susceptibles de derivar en relacións desiguais ou en violencia de xénero.

As próximas representacións de I’ll be watching you terán lugar hoxe en Allariz (Ourense) e o vindeiro día 20 en Ames (A Coruña).

Rede de entidades locais contra a violencia de xénero
Amais deste espectáculo, Igualdade desenvolve durante este trimestre outras tres accións para a rede de entidades locais contra a violencia de xénero, que consisten nun curso de autoprotección para mulleres vítimas, que se celebra en 15 localidades; nun obradoiro de terapia ocupacional mediante as artes plásticas dirixidos a menores expostos e expostas a situacións de violencia de xénero que se celebra en 20 localidades; e nunha exposición gráfica Cartas de Amor, que poderá visitarse noutros 20 concellos.

En total, estas catro actividades van chegar este ano a 75 concellos da rede, creada como resultado da colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade e a FEGAMP, mediante convenio asinado o pasado mes de setembro, co obxectivo de servir de plataforma para favorecer o rexeitamento social, unha maior sensibilización e, consecuentemente, un compromiso real contra esta lacra, asociado a modelos de convivencia igualitarios.

773 lecturas