Feijóo avalía co gobernador do estado de Río as posibilidades de que estaleiros galegos poidan participar no proceso de renovación da flota de Petrobras
O presidente da Xunta en funcións, que hoxe mantivo un almorzo co gobernador do Estado de Río de Janeiro, Sérgio Cabral, e co vicegobernador de dito Estado, Luis Fernando Pezâo, confirmou o interese mutuo por estreitar lazos e ampliar a colaboración entre Brasil e Galicia.
Afirma que Galicia ten en Brasil unha nova porta para reactivar o naval e que este sector siga sendo un motor de inversión e de emprego para a nosa economía.
Sostén que Galicia conta coa mellor carta de presentación posible: a súa experiencia; posto que, asegura, Brasil sabe que a capacidade tecnolóxica da nosa comunidade e o noso capital humano son idóneos para as súas necesidades. E, ademais, Galicia conta co aval de que a cuarta petroleira do mundo, Pemex, confiou nela para os seus proxectos de futuro.
Destaca que o Goberno brasileiro está desenvolvendo unha política de reforzo en sectores nos que Galicia ten moito que achegar, como poden ser as enerxías renovables, a agroindustria, as infraestruturas e loxísticas, a construción, o turismo, ou o naval.
Brasil xa é o primeiro destino de Latinoamérica de exportacións de produtos galegos e o segundo en todo o continente americano.
O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, avaliou este mediodía, co gobernador do Estado de Río de Janeiro, Sérgio Cabral, as posibilidades de que estaleiros galegos poidan participar no proceso de renovación da flota de Petrobras, a décima petroleira más importante do mundo.
Feijóo, que hoxe mantivo un almorzo co gobernador e co vicegobernador de dito Estado, destacou a gran oportunidade que é Brasil para o sector naval galego, tras o descubrimento do xacemento petrolífero pre-sal e a necesidade de embarcacións apropiadas para poder explotalo. E incidiu en que Galicia ten en Brasil unha nova porta para reactivar o naval e que este sector siga sendo un motor de inversión e de emprego para a nosa economía.
Neste sentido, o presidente do Goberno galego subliñou que Galicia conta coa mellor carta de presentación posible: a súa experiencia; posto que, asegurou, Brasil sabe que a capacidade tecnolóxica da nosa comunidade e o noso capital humano son idóneos para as súas necesidades. E, ademais, Galicia conta co aval de que a cuarta petroleira do mundo, Pemex, confiou nela para os seus proxectos de futuro.
Diante deste panorama, afirmou que Galicia pode ter fundadas esperanzas de materializar unha alianza estable e de colaboración entre os estaleiros galegos e brasileiros.
Outros sectores con potencial, nos que Galicia ten ampla experiencia e coñecemento
Durante a xuntanza, o titular da Xunta e o gobernador do Estado de Río de Janeiro analizaron outros sectores, nos que Galicia ten ampla experiencia e coñecemento e nos que é posible, tamén, establecer canles de cooperación para o desenvolvemento de proxectos conxuntos, entre os que destacan: as infraestruturas, tendo en conta que o Goberno brasileiro continuará investindo con intensidade en infraestruturas de transporte así como en mellorar a súa rede de portos e aeroportos; a agroindustria; a construción; o turismo; ou a enerxía, xa que existen proxectos para converter Brasil nunha potencia en xeración enerxética a través de renovables.
Feijóo insistiu, en definitiva, en que o Goberno brasileiro está desenvolvendo unha política de reforzo en sectores nos que Galicia ten moito que achegar, como poden ser as enerxías renovables, a agroindustria, as infraestruturas e loxística, a construción, o turismo, ou o naval.
Así mesmo, resaltou que Brasil é unha potencia en auxe que Galicia non pode desaproveitar na súa estratexia de internacionalización. E, neste senso, lembrou que se trata dun gran mercado cun gran potencial, que conta con case 200 millóns de habitantes; que concentra o 34% do PIB de todo o continente americano; cunha grande estabilidade macroeconómica, a pesar da situación mundial; e que é a sexta maior economía do planeta.
Actualmente, Brasil xa é o primeiro destino de Latinoamérica de exportacións de produtos galegos e o segundo en todo o continente americano.
Novas relacionadas




