A economía galega creceu un 0,5% en 2011 e acumula dous anos en positivo

O feito de que Galicia xa saíra da recesión en 2010, mentres que España continuaba en negativo, explican que o PIB en 2011 fose lixeiramente inferior á media.

Non obstante, o IGE prevé que a Comunidade galega recuperará a converxencia este ano e terá un mellor comportamento que España en 2012.

As ramas agrarias e pesqueiras experimentaron un crecemento do 2,1% en 2011 e os servizos do 1,4%.

As exportacións medraron un 4,4% o pasado exercicio.

Listen to this page using ReadSpeaker
17 de febreiro de 2012.

Xunta de GaliciaA economía galega creceu un 0,5% no ano 2011 e acumula dous exercicios en positivo, logo de ter avanzado un 0,1% en 2010, segundo os datos facilitados hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Precisamente o feito de que Galicia xa saíra da recesión en 2010, mentres que España continuaba en negativo, no -0,1%, explican que o PIB galego en 2011 fose lixeiramente inferior, dúas décimas, á media. Non obstante, o IGE prevé que a Comunidade galega recuperará este ano a converxencia e terá un mellor comportamento que España en 2012.

No cuarto trimestre do pasado exercicio o PIB galego e o español evolucionaron de xeito paralelo e caeron un 0,3% en relación ao trimestre anterior.

Demanda
No cuarto trimestre de 2011, a achega da demanda en termos nacionais ao crecemento do PIB foi de -1,9 puntos porcentuais, sete décimas superior á contribución do trimestre anterior. O gasto en consumo final presenta un descenso do 1,8%, dúas décimas inferior ao rexistrado no trimestre precedente, o apartado da formación bruta de capital rexistra tamén un descenso do 1,8%, inferior en 1,8 puntos ao retroceso observado no terceiro trimestre. A contribución do sector exterior é de 2,2 puntos porcentuais.

O gasto en consumo final dos fogares e institucións sen fins de lucro ao servizo dos fogares decrece un 1,4% no cuarto trimestre de 2011, cinco décimas inferior ao descenso que experimentou no trimestre anterior. No mesmo período, o gasto en consumo final das administracións públicas descende tres décimas menos que a taxa observada no trimestre anterior quedando no -3,5%.

A formación bruta de capital mostra un ritmo de caída inferior ao do trimestre anterior, descendeu un 1,8% neste trimestre. Os indicadores que rexistran menores descensos que no trimestre anterior son a inversión en construción residencial e a produción industrial de bens de equipo, que reduce seis décimas o seu descenso.

No cuarto trimestre de 2011 a achega da demanda externa neta foi de 2,2 puntos. As exportacións presentan un crecemento do 4,1%, 4,4 puntos porcentuais máis que no trimestre precedente; as destinadas a outros países, que en setembro rexistraran un descenso do 12,9%, volveron a retomar os fortes crecementos de principios de ano en outubro e novembro; este crecemento compensa a atonía da demanda do resto de España e a caída do gasto das e dos non residentes. Pola súa parte, as importacións caeron un 0,2%, o que supón un aumento de 5,3 puntos sobre o descenso do trimestre anterior.

En termos anuais, a demanda en termos nacionais achegou 2,1% puntos negativos en 2011. As exportacións creceron un 4,4% e as importacións caeron un 0,7%.

Oferta
Dende a perspectiva da oferta, no cuarto trimestre de 2011 os crecementos interanuais son positivos no sector primario e nos servizos; mentres que as enerxéticas e industriais diminúen o seu ritmo de descenso e a construción eleva levemente a taxa negativa do trimestre anterior.

As ramas agraria, gandeira e pesqueira presentan un crecemento do 3,3%, superior en 1,7 puntos ao do terceiro trimestre. As enerxéticas rexistran un decrecemento do 0,9%. No caso das ramas industriais obtense unha taxa de variación interanual superior en 3,4 puntos á taxa do trimestre anterior.

A taxa de crecemento do sector da construción foi do -2,2%, dúas décimas inferior ao rexistro no trimestre anterior. Por último, neste trimestre o sector dos servizos presenta un crecemento interanual do 0,5%. Os servizos de mercado acadan un crecemento do 0,6% e os servizos non de mercado creceron un 0,5%.

No conxunto do ano 2011, presentan crecementos positivos as ramas agraria e pesqueira e as de servizos. Comparando co ano anterior melloran as ramas de servizos e a construción. Os servizos non de mercado creceron un 1,3% en 2011, cinco décimas por enriba do crecemento do ano anterior, os servizos de mercado melloran sete décimas con respecto ao crecemento do ano 2010 ao rexistrar un crecemento do 1,4%.

Emprego
O emprego, medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo, decreceu no cuarto trimestre deste ano un 2,1%, tres décimas menos que no trimestre anterior.

No ano 2011 o número medio de postos de traballo equivalentes a tempo completo foi de 1.077.154. Os servizos non de mercado presentan taxas positivas. A variación con respecto ao ano 2010 da produtividade aparente do factor traballo sitúase no 2,6%, en 2010 a produtividade crecera un 2,3%.

828 lecturas