A asociación ABC estrea pavillón

Listen to this page using ReadSpeaker

Moitos e moitas deixaron a súa Costa da Morte natal fai xa moitos anos e algúns e algunhas xamais volveron, pero a pesar da distancia (en anos e quilómetros), a bisbarra segue moi presente na mente de todos os socios e socias da Asociación Benéfico Cultural (ABC) de Corcubión, unha das principais institucións da emigración galega en Bos Aires e que actualmente preside Carlos Ameijeiras Miñones, cuxas raíces familiares están nas parroquias vimiancesas de Salto e Treos.

Boa parte das persoas membros da entidade naceron xa en Arxentina, pero coñecen moi ben as tradicións da Costa dá Morte e loitan para mantelas nas instalacións da asociación, que hai só uns días estreou unha pista deportiva cuberta.

Os e as responsables da entidade, que organizan innumerables actividades para os galegos e galegas e os seus descendentes, prepáranse tamén para a celebración do 89º aniversario da entidade, unha festa prevista para o próximo mes de novembro. Será unha das moitas deste ano, no que tamén conmemoraron a Virxe da Xunqueira, o Mes de Galicia e o día de san Antón.

Ademais, o pasado día 27 inauguraron un novo salón de usos múltiples, que bautizaron como Juan Graíño, en homenaxe a un dos membros da xunta directiva entre os anos cincuenta e oitenta.

Á inauguración das novas instalacións, duns 600 metros cadrados, asistiron, entre outros, o secretario de Goberno de Bos Aires, Rubén Vecci; o conselleiro laboral de España na cidade arxentina, Julio Olmos, e o delegado da Xunta, Alejandro López Dobarro. Todos eles, así como os numerosos galegos presentes no acto, gozaron do partido inaugural que se disputou na cancha entre o equipo da Asociación Hispano Arxentina de Profesionais e o do ABC de Corcubión. Cumprían ambos os dous conxuntos un dos obxectivos das novas instalacións, «incentivar a participación das novas xeracións na institución». Novas xeracións que, seguro tamén gozarán das tradicións do outro lado do Atlántico. A primeira, sen ir máis lonxe, a romaxe da Barca.

A festa da Barca tamén se vivirá en Bos Aires
Entre as tradicións que non esquecen os socios e socias da asociación ABC de Corcubión está a da romaxe da Virxe da Barca, que dentro duns días se celebrará en Muxía, pero tamén na sede bonaerense da entidade.

Será, tal e como anuncian orgullosos e orgullosas dende a asociación de emigrantes, «o segundo domingo de setembro, tal e como facemos dende sempre». Haberá, explican, unha exposición na que os alumnos e alumnas da escola de encaixe mostrarán a súa pericia cos palillos, e tamén poderán verse algúns obxectos da Costa da Morte e fotografías de Carolina Roig. Despois, e tras gozar dunha comida, todos os e as asistentes á festa poderán bailar ao ritmo da orquestra Talento Español (o propio nome delata que non faltarán os pasodobres) e do conxunto Alborada, que ofrecerá unha exhibición de música e bailes tradicionais galegos.

 

 

Fonte: La Voz de Galicia | Foto: La Voz de Galicia

924 lecturas