Galicia, País Vasco, Cataluña e Baleares reúnense para avanzar na cooperación en materia de política lingüística
Os catro gobernos autonómicos acordaron hoxe en Santiago de Compostela solicitar a inclusión do galego, do catalán e do eúscaro na base de datos terminolóxica da Unión Europea.
Así o decidiron na reunión da comisión de seguimento do protocolo de colaboración que manteñen en materia de política lingüística.
Os máximos responsables da política lingüística de Galicia, País Vasco, Cataluña e Baleares –Anxo Lorenzo, Lourdes Auzmendi, Yvonne Griley e Margalida Tous, respectivamente– participaron hoxe na reunión da comisión de seguimento do protocolo de colaboración que manteñen os catro gobernos en materia de política lingüística e que ten como obxectivo prioritario impulsar a presenza e o recoñecemento das súas linguas no ámbito estatal e europeo.
Segundo anunciaron esta mañá en rolda de prensa, o catro gobernos acordaron na reunión solicitar á Comisión Europea a incorporación das súas linguas propias na base de datos terminolóxica da Unión Europea (UE), coñecida polas siglas inglesas IATE (InterActive Terminology for Europe).
O IATE, de acceso para toda a cidadanía, combina as bases de terminoloxía de cada un dos organismos e das institucións da UE nunha base única con máis de oito millóns de termos validados. Desta maneira, a importancia da inclusión do galego, do eúscaro e do catalán radicaría, por unha banda, no seu valor práctico, xa que este soporte terminolóxico permite buscar nunha lingua de partida termos aceptados na UE e atopar as súas equivalencias en calquera dos 23 idiomas oficiais que forman parte desta base. Doutra banda, a incorporación ao IATE supón un paso adiante na presenza e no recoñecemento internacional das linguas galega, eúscaro e catalá.
Cooperación autonómica en materia de política lingüística
A Secretaría Xeral de Política Lingüística de Galicia e os departamentos correspondentes de Euskadi, Cataluña e as Illas Baleares manteñen un diálogo permanente na promoción das súas linguas propias a través do protocolo de colaboración en materia de política lingüística.
Neste marco de traballo conxunto promóvense diversas iniciativas, que tamén centraron a orde do día da reunión da comisión de seguimento do protocolo realizada hoxe en Santiago de Compostela. É o caso do Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado, que ten por obxectivo recoñecer o cometido realizado por persoas, entidades ou empresas que contribúen á promoción e á incorporación da diversidade lingüística no Estado español.
Outra das accións nas que están a colaborar os catro gobernos é no establecemento dun sistema de mutuo recoñecemento das habilitacións profesionais para tradutores e intérpretes xurados que, no exercicio das súas respectivas competencias, expiden os gobernos catalán, galego e vasco e da habilitación en cadea a partir das devanditas habilitacións profesionais así como das titulacións que expide o Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación. Igualmente, acordaron establecer habilitacións de tradutores e intérpretes xurados entre as súas respectivas linguas.
Finalmente, os representantes de Política Lingüística abordaron o seguimento do informe do Comité de Expertos en relación ao cumprimento da Carta europea das linguas rexionais e minoritarias, xa que este comité entrevistarase con estes gobernos durante a primeira semana de xullo.
Novas relacionadas



