O galego súmase á celebración do Día Europeo das Linguas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística pon a disposición da cidadanía na rede material para achegarse á diversidade idiomática de Europa desde o galego.

Mapas interactivos, propostas para traballar na aula, vocabularios en diversos idiomas e postais electrónicas, entre os materias para celebrar o 26 de setembro.

Un recente informe da Comisión Europea destaca a necesidade crecente dun mercado laboral máis plurilingüe e con máis competencias comunicativas.

Listen to this page using ReadSpeaker

Europa é un continente plurilingüe e Galicia achega, nese contexto, un elemento valioso para a súa diversidade: o galego. Co fin de poñer en valor e de dar a coñecer esta riqueza, cada 26 de setembro, desde 2001, celébrase o Día Europeo das Linguas.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de poñer a disposición da cidadanía diversos recursos no seu web cos que achegarse á diversidade idiomática de Europa desde o galego. Para a edición de 2011, o Consello de Europa achega un conxunto de feitos para divulgar a diversidade lingüística europea. A secretaría xeral promove unha versión deste documento que incorpora o galego e que contribúe a que estes datos sexan coñecidos tamén en Galicia. Esta versión está accesible no sitio web www.xunta.es/linguagalega/dia_europeo_das_linguas_linguas_para_o_emprego, que tamén inclúe outros materiais para celebrar o Día Europeo das Linguas. É o caso dos mapas interactivos con propostas didácticas para traballar nas aulas a xeografía en distintas linguas.

Ademais, para todos aqueles que queiran participar na celebración do Día Europeo das Linguas, tamén están accesibles postais personalizables coas que felicitar esta data a través da rede. Xogos para falar de plurilingüismo, ferramentas de tradución automática, vocabularios en diversas linguas, proxectos de boas prácticas no ensino e aprendizaxe de linguas ou diferentes iniciativas desenvolvidas desde diversos países da UE para festexar esta data son outros dos materiais que se poden consultar no web da secretaría xeral.

Linguas para o emprego
Os obxectivos xerais do Día Europeo das Linguas promover a diversidade lingüística e cultural de Europa, coa finalidade de preservala e fomentala; alertar a sociedade sobre a importancia da aprendizaxe de idiomas, ampliando o número de linguas que se coñezan; e fomentar a aprendizaxe permanente de idiomas nos centros educativos e na sociedade.

O coñecemento do inglés segue sendo unha necesidade para as empresas e, xa que logo, para o acceso ao mercado laboral, pero hoxe o seu coñecemento considérase insuficiente. Así se desprende do recente informe da Comisión Europea Linguas e ocupación. Entre as conclusións deste traballo destaca a necesidade crecente dun mercado laboral máis plurilingüe e con máis competencias comunicativas. Isto débese a que o crecente peso económico dos chamados países emerxentes e mais a necesidade de conquistar os consumidores de mercados variados como consecuencia da internacionalización das empresas fan que o coñecemento doutros idiomas se volva igualmente importante.

Europa é plurilingüe
Europa posúe un gran tesouro lingüístico que cómpre manter. A esta riqueza contribúen, ademais das 23 linguas oficiais da Unión Europea, os idiomas de máis de 60 comunidades dentro dos estados, así como as linguas das cidadás e dos cidadáns orixinarios doutros continentes. Para dar a coñecer esa diversidade, a UE e mais o Consello de Europa decidiron organizar en 2001 o Día Europeo das Linguas, que se celebra desde hai dez anos cada 26 de setembro.

888 lecturas