Galegos en América e americanos en Galicia

A pretensión das páxinas desta obra é a de seguir botando luz sobre o fenómeno migratorio galego dende a dobre perspectiva de proceso que contribuíu tanto á transformación da historia de Galicia, coma á formación dalgunhas sociedades americanas. E isto faise ademais dende ópticas diversas, sobre distintos períodos cronolóxicos e partindo de variados tipos de fontes. Todas e cada unha das contribucións -baixo a exclusiva responsabilidade de cada autor ou autora dos distintos traballos aquí compilados- abordan o tema central da emigración/inmigración, que é o fío condutor destas, a través de diversos aspectos monográficos.
O primeiro bloque temático, "sobre a emigración galega", aínda que dende diferentes enfoques, toma América en xeral como destino, mentres que no segundo bloque abórdanse distintos aspectos dalgunhas das principais sociedades americanas receptoras da inmigración galega.