Leopoldo Basa Villadefrancos

Dacabalo entre os séculos XIX e XX milleiros de galegos marcharon cara ao Río da Prata. O estereotipo máis común é o que nos amosa aos galegos desempeñando as profesións máis dificiles. Esta imaxe é, certamente, real. Mais, a carón dos moitos galegos que traballaban nas condicións máis duras, hai unha reducida elite intelectural que deixou unha importante pegada na sociedade porteña. A este último grupo pertence Leopoldo Basa, de cuxo contributo literario e artístico damos conta nesta biografía.
Leopoldo Basa Villadefrancos naceu na Coruña o 29 de maio de 1866. Na súa cidade natal estudou o Bacharelato e Peritaxe Mercantil. Tras concluír os seus estudos trasládase a Madrid. Nesta capital coñeceu a Miguel Cané, embaixador da Arxentina en España, quen lle facilitou a marcha para este país. Así, en 1890 emigrou a Bos Aires. Na capital arxentina empregouse como secretario da Inspección general de la Municipalidad.
En 1896 comezou a publicar as súas primeiras colaboracións literarias. Así, escribiu en El País, principalmente críticas de arte, e El Eco de Galicia. Tamén colaborou en La Nación e no Almanaque Gallego de Castro López. Leopoldo Basa chegou a ocupar unha posición moi influínte dentro da colonia galega. Así, cando o 21 de novembro de 1908 o Orfeón Gallego organizou unha velada en homenaxe a Manuel Curros Enríquez, Basa foi o encargado de ler o discurso de apertura.
No diario El País publicou por entregas a novela curta Flores del Pantano. Foi autor do drama Don Marcelo, peza lida polo autor no Círculo Gallego de Bos Aires en setembro de 1902. En 1903 publicou a colección de novelas curtas Espigas sueltas. O 26 de agosto de 1908 estreou no Teatro Moderno a comedia Los Nervios. En 1908 publicou El pintor Dionisio Fierros y el arte en Galicia. En galego só foi autor do relato ¿Fixo ben?, publicado en 1900 no Almanaque Gallego de Castro López. Como non podía ser doutro xeito, o tema deste relato é a emigración.
En 1907 ocupaba o posto de vicepresidente da sociedade Círculo Gallego de Bos Aires. En 1908 desempeñou a vicepresidencia dunha comisión creada para recadar fondos para a construción dun monumento a Curros Enríquez na Coruña. En 1910 regresa a España, aínda que seguiu colaborando coa prensa bonaerense, caso de La Nación. Fixou a súa residencia en San Sebastián. En 1914 publicou o drama en tres actos La leña de la vida. En 1915 daría ao prelo a novela El Premio. En 1924 editaríase en Bos Aires a súa novela Don Juan de América; este romance ten por escenario Madrid, onde se desenvolven as aventuras dun doutor arxentino.
Faleceu en San Sebastián o 19 de decembro de 1947. Leopoldo Basa destacou tamén como pintor. Na exposición Cien años de arte en Galicia, celebrada na Coruña en 1949, expuxéronse os óleos de Basa Bosque e Costa peñascosa. Esta exposición celebrouse co gallo do Centenario da Academia de Belas Artes da Coruña.
VILANOVA RODRÍGUEZ, ALBERTO: Los gallegos en la Argentina, Bos Aires: Ediciones Galicia, 1966, tomo II, p. 1.146
HERMIDA, MODESTO (DIR.): Narradores ocasionais do século XIX (relato breve) Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2003, p. 37
Foto: autoría de Antonio Portela Paradela
![]() Documentación asociada | |
---|---|
![]() | 42.54 KB |
![]() | 44.83 KB |
![]() | 41.98 KB |
Álbum da Emigración
O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.
O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)
Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985