Laureano Rodríguez

Na elite do comercio da Habana
Laureano Rodríguez

Laureano Rodríguez foi exemplo do grande comerciante galego en Cuba. A importante posición que acadou grazas aos seus negocios traduciuse nunha relevante posición social que o levou a ocupar importantantes postos, tanto no seo da colonia galega como na administración colonial. Estamos, pois, diante do paradigma do emigrante triunfador. 

Laureano Rodríguez y Rodríguez naceu na Guarda o 4 de maio de 1839. Estudou filosofía no seminario de Tui. En 1859 abandona o seminario para se dedicar ao comercio. É por esta época cando chega a Cuba. No entanto, a súa experiencia na emigración non se restrinxiu á illa caribeña, pois, viviu en México durante o periodo en que o país estivo rexido por Maximiliano de Habsburgo.

Foi coñecido polo seu gran saber en Dereito Mercantil, en materia arancelaria e en tratados de comercio. En 1879 a Intendencia de Facenda nomeouno vogal secretario da Junta de Valoraciones. Desde 1880 desempeñou gratuitamente o cargo de profesor de Xeografía Universal e de España do plantel do Centro Gallego.

Desde 1881 a 1888 residiu en Santiago de Cuba, onde contribuíu á constitución do Centro del Comercio, da Junta de Obras del Puerto e da Cámara Oficial de Comercio. Foi elixido como vogal do Centro Gallego para o ano social de 1880/1881. Foi presidente da Liga de Comerciantes, Industriales y Agricultores de la Isla de Cuba; representando a esta corporación foi tamén membro da Liga Arancelaria, institución fundada en novembro de 1890. Como representante desta entidade saíu para Madrid o 17 de febreiro de 1895 co obxectivo de tomar parte nas deliberacións para a reforma dos aranceis de Cuba.

Foi colaborador do semanario El Eco de Galicia, publicando traballos entre 1878 e 1885. Foi socio de mérito da Real Sociedad Económica de Amigos del País da Habana. En 1898 ocupou o cargo de Secretario de Agricultura, Industria e Comercio no Goberno autónomo cubano. Os seus coñecementos foron empregados nos primeiros anos da República, tanto polo presidentes como polos Secretarios da Facenda e Estado.

Faleceu na Habana en 1915.

Bibliografía: 

VIDAL FELIPE, YOLANDA E VÁZQUEZ MATOS, DANIA: "Galegos na Sociedad Económica de Amigos del País da Habana", en ESTUDIOS MIGRATORIOS, núms. 7-8, pp. 209-229 LA TIERRA GALLEGA, nº 57, 17/02/1895, p. 6

Documentación asociada
Documentación asociada
A Constitución colonial de Cuba80.45 KB
Un artigo sobre Laureano Rodríguez366.79 KB

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
2101 lecturas