José Fontenla Leal

A alma de Galicia en Cuba
José Fontenla Leal

José Fontenla Leal foi, xunto con Murguía e Curros Enríquez, clave para a fundación da Academia Galega en 1906. Non obstante, a súa vida, entregada por completo a Galicia, non permaneceu na memoria colectiva ao igual que outros persoeiros. A súa figura é imprescindíbel para a construción de Galicia como nación cultural. Achegámonos a esta destacada personalidade a través das seguintes liñas. 

José María Benito Fontenla Leal naceu en Ferrol o 12 de febreiro de 1864. Emigra a Cuba xunto cos seus pais. Na Habana traballou na industria litográfica. Fontenla Leal foi un auténtico bibliófilo, chegando a reunir unha biblioteca de máis de tres mil volumes. A temática deste libros estaba sobre todo relacionada coa historia, xeografía, lingua, artes e tradicións de Galicia. Fontela doou parte desta biblioteca ao Centro Gallego da Habana e, tras a súa morte, o resto foi doado polo seu único fillo á Academia Galega.

En 1886 funda, xunto con Secundino Cora García, a Revista de Galicia, publicación mensual bilingüe de curta duración. Foi colaborador tamén do Diario de la Marina. En xaneiro de 1903 faise socio do Centro Gallego e durante varios anos foi bibliotecario da súa sección de instrución. En 1917 foi comisionado polo Centro Gallego para acompañar a Galicia os restos mortais do músico José Castro "Chané". Foi tamén presidente da sociedade Unión Redencionista Gallega, encargada de apoiar o movemento agrarista en Galicia. Como presidente desta entidade Fontenla Leal asinou un manifesto onde puña de relevo o seu amor por Galicia. Escribía Fontenla:

“Non hai máis que analizar a grandes trazos a vida do pobo rural galego, de onde procede a inmensa maioría dos inmigrados que en Cuba vivimos, para condoérmonos da súa angustiosa situación e pór todo o noso empeño en aliviarlla, combatendo os seus males, xa que traballando por Galiza traballamos polo benestar dos nosos parentes e amigos e polo noso propio, a cuxo amoroso seo, ao fin e ao cabo, habemos ir recobrar as calorías perdidas no rudo e enervante traballo dos países tropicais (…) Conterráneos! Vinde a engrosar as nosas filas! O esforzo que se vos pide é máis ben de orde moral que material. É preciso constituír unha poboación tan formidábel que o eco da súa potente voz, vibrando como laúde dos nosos bardos épicos, na tribuna, no xornal e no folleto, repercuta nos lugares máis recónditos do país e fortaleza e pule dos nosos irmáns para loitar pola súa redención, que é o empeño máis grande, máis santo, máis sublime a que poden entregarse os galegos. Conterráneos, Viva Galiza redimida!”.

Fontenla Leal tivo unha decisiva contribución na fundación en 1905 da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, xunto co poeta Manuel Curros Enríquez. Esta sociedade sería a xénese da futura Real Academia Galega. Fontenla seguiu sempre vencellado a esta sociedade, ocupando os postos de vogal, vicepresidente e presidente. Foi tamén académico non numerario da Real Academia Galega.

Desde Cuba, Fontenla Leal tamén tivo unha importante participación na difusión do himno galego. En efecto, Fontenla escribiu en varias ocasións a Eduardo Pondal e a Pascual Veiga instándoos a que lle enviasen a letra e a música do himno, cuxa composición se estrearía na Habana o 20 de decembro de 1907. Fontenla ten, xa que logo, unha intervención decisiva na fixación dos símbolos nacionais de Galicia.

Tivo tamén unha destacada presenza na formación da sociedade Ferrol y su Comarca, na xunta xeral de xullo de 1909 foi elixido por unanimidade para organizar a súa sección de propaganda. Fontenla foi masón, pertencía á loxa de Regla, do Grande Oriente Nacional de España Unión y Concordia nº 151, adoptando o nome masónico de "Murguía".

Fontenla Leal morreu no hospital habaneiro Calixto García o 5 de decembro de 1919. As súas dificultades económicas privárono da súa condición de socio do Centro Gallego e, xa que logo, da posibilidade de ingresar no sanatorio La Benéfica. O que fora promotor da Academia Galaga e do himno de Galicia rematou soterrado nunha foxa común do cemiterio Colón da Habana.

Bibliografía: 

LLORCA FREIRE, GUILLERMO: Ferroláns en Cuba, Ferrol: Edicións Embora, 1997.

NEIRA VILAS, XOSé: Memoria da emigración I, Sada: Ediciós do Castro, pp. 255-262.

ORAMAS CAMERO, ÁNGELA: Galegos da Habana, Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 2007, p. 107

Documentación asociada
Documentación asociada
Unha carta de José Fontenla Leal a Pascual Veiga52.89 KB
Unha carta de José Fontenla Leal a Eduardo Pondal53.53 KB
O papel de Fontela na fundación da Academia Galega89.63 KB
José Fontenla visita a Eduardo Pondal na Coruña85.24 KB

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
9833 lecturas